20 de Agosto de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O alcalde de Ribadeo destacou a importante repercusión que a pista de xeo tivo no comercio local e no sector servizos

11-01-16

Ribadeo, 11 de xaneiro de 2016.- Arredor de 7.000 persoas pasaron pola pista de xeo natural durante os 23 días que estivo instalada e aberta no parque de San Francisco, entre o 18 de decembro e o 10 de xaneiro. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou a positiva e importante repercusión que a iniciativa tivo no comercio local e no sector servizos.

O rexedor dixo: “agora que pasou o Nadal e que pasaron estes 23 días de pista de xeo aquí en Ribadeo, temos que facer unha valoración absolutamente positiva do que significou esta iniciativa pioneira e inédita aquí, na nosa vila, e practicamente na comarca por ser unha pista de xeo natural, que estivo a facer as delicias dos pequenos e dos non tan pequenos”.

Suárez Barcia indicou que “foron moitas as familias que se achegaron a Ribadeo, non só do propio concello senón doutros concellos de aquí ao pé e de máis lonxe. Foi un verdadeiro éxito, non tanto para o Concello coma organizador xunto coa colaboración da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, nin tan sequera foi un verdadeiro éxito para os rapaces e rapazas que disfrutaron da pista, senón que entendemos que foi un auténtico éxito para o comercio e para o sector servizos local. Para eles foi pensado, para eles foi estudado e os meus compañeiros do equipo de goberno e máis eu pensamos o acerto que tivemos nesta campaña de Nadal”.

O alcalde subliñou que “fomos un referente inescusable de visita nestas datas e todo isto o que fai é darnos ánimos para continuar innovando e para continuar facendo de Ribadeo un lugar vivo, activo e dinámico. Toda a xente que veu patinar, tamén veu comprar, tamén veu tomar algo, tamén veu comer e esta iniciativa quizais teña que ter unha nova repercusión no futuro”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive