25 de Marzo de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Área de Cultura e a Casa-Museo Manuel María apoian o traballo de novos creadores lucenses no Ano Manuel María

17-02-16

pres-teatr-mmLugo, 17 de febreiro do 2016.- Xosé Ferreiro, Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, participou na Casa Museo Manuel María dun encontro co presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, e os integrantes da compañía teatral lucense Lucecús Teatro, representada por Anxo Manoel Lamelo e Rubén Pérez.

O motivo deste encontro foi a presentación da nova produción teatral de Lucecús Teatro, “A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna”. Esta compañía teatral lucense, recentemente constituída e formada por mozos emprendedores de Lugo, inicia os ensaios desta nova peza, centrada nos textos do poeta Manuel María, no ano en que se lle adica o Día das Letras Galegas.

O Delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Xosé Ferreiro, sinalou que “desde a Área de Cultura que dirixo temos moi presente a importancia do apoio ás novas e novos creadores, que son sabia nova e futuro para a cultura galega”.

Un espectáculo centrado na obra poética de Manuel María
Logo do espectáculo A órbita do lucecú, co que proximamente estarán de xira por Compostela, A Coruña, Vigo, Ribadeo, O Porriño ou Bueu entre outros, a compañía aposta por unha función para público familiar, nun intento de diversificar a súa oferta teatral con especial atención aos máis cativos da casa.

A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna é unha clara reivindicación da dramaturxia galega, escollendo textos de Manuel María como os que se poden atopar nos libros A tribo ten catro ríos, Os soños na gaiola, Cando o mar foi polo río ou As rúas do vento ceibe. O espectáculo céntrase na figura do personaxe Manuel de Paderna, moi importante na vida de Manuel María xa que foi quen lle ensinou a versificar no propio Outeiro de Rei.

O espectáculo agora mesmo atópase na etapa de ensaios, que se están a celebrar na propia Casa-Museo Manuel María. A estrea terá lugar proximamente en Vilalba. A función está dirixida por Rubén Pérez e conta no elenco con Isa Herrero e Anxo Manoel.

Lucecús Teatro nace froito dun soño artístico, dunha necesidade creadora de berrar nunhas difíciles coordenadas históricas. Lucecús quere brilar nestes momentos tan oscuros para o teatro.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive