19 de Outubro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Marco Fernández Arosa ficha polo Balonmán Galipizza Viveiro

17-02-16

marco-fdezO Balonmán Galipizza Viveiro presentaba este martes 16 de febreiro á súa última fichaxe: unha incorporación que esperan colabore de forma importante no tramo final da tempada na consecución da permanencia na Primeira Autonómica de balonmán.

Trátase de Marco Fernández Arosa (Lalín, 1990), un xogador de 25 anos que se forxou na prolífica canteira do Club Balonmán Lalín. Co conxunto dezano debutaba en Primeira Estatal cando aínda contaba 17 anos. Logo de varias tempadas no primeiro equipo lalinense, na tempada 2013/2014 daba o salto ao Balonmán Chapela, onde se estreou ás ordes do histórico técnico Fran Teixeira na División de Honor Prata (segunda categoría do balonmán español). Tras esta campaña, motivos laborais apartárono das pistas.

O xogador lalinense pode desenvolverse en calquera posto da primeira liña e ata no extremo esquerdo, posición que ocupou durante a súa estancia no cadro redondelano. No seu currículo persoal destaca a terceira praza obtida coa selección galega xuvenil no Campionato de España de 2007, disputado en Mérida.

O técnico viveirista, Javi Villares, bendí a chegada dun primeira liña, tendo en conta que as baixas debilitaron ao seu equipo nesa parcela. “Agora mesmo temos as baixas do central Ignacio e do lateral David, que non reaparecerán aínda ata dentro dunhas semanas e que se unen á ausencia, en principio definitiva, de Pastor. Estamos encantado de poder contar con outra peza máis para poder afrontar os próximos tres encontros, nos que sen dúbida nos xogaremos a permanencia na categoría”, sinalaba.

Así mesmo, indicaba que “é un xogador novo, pero con moita rodaxe en categorías superiores, polo que esperamos que poida suplir estes case dous anos de inactividade coa súa experiencia. Estamos convencidos de que é un mozo que nos pode aportar moitas cousas, tanto en ataque como en defensa”, concluía.

Fichaxe vinculada ao Grupo Galipizza
Desde a entidade viveirense queren agradecer a especial implicación do grupo Galipizza e do seu xerente, José Manuel Vázquez, Leman, á hora de conseguir que Marco puidese xogar en Viveiro. “Un domingo, logo de xogar no Grove, paramos a comer no Galipizza de Santiago e decatámonos de que estaba traballando alí. Alí Marco mostrounos as súas ansias de volver xogar e comezamos as conversacións para a súa chegada. Tamén temos que agradecer a súa implicación, xa que perderá días das súas vacacións para participar na maior cantidade de partidos posible”, afirmaba Enrique Villares, presidente do Balonmán Galipizza Viveiro.

Marco Fernández aproveitaba a viaxe a Viveiro para realizar a presentación, coñecer aos seus novos compañeiros e exercitarse xa tamén co primeiro equipo. O sábado xa poderá debutar na visita do Tui ao Municipal de Viveiro (19.00 horas).

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive