01 de Maio de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG acada un acordo no Parlamento para reclamar do Goberno central e da UE medidas que compensen os descartes pesqueiros

17-02-16

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro, 2016. O parlamentario do BNG, Daniel Rodas asegurou que é necesario adoptar medidas sobre os descartes polo que reclamou instar á Xunta a dirixirse ao Goberno central e a UE para compensar a aplicación da normativa de descartes pesqueiros que supón menos cotas, menores ingresos e caída da rendibilidade.

A proposta do BNG acadou a unanimidade dos grupos parlamentarios da Comisión para Asuntos Europeos, celebrada este mércores no Parlamento galego.

Na defensa da iniciativa, o nacionalista explicou que os descartes poden ser destinados á fariña para peixe, aceite de peixe, pensos, aditivos ou produtos farmacéuticos que máis ben parece “o modelo ideado para os cultivadores de peixe” pero non para os traballadores do mar. Son os propios armadores, afirmou, os que reclaman medidas alternativas como que o reparto do esforzo sexa proporcional ás cotas de pesca de cada país ou que as toneladas que non pesquen outros países como Francia, Irlanda ou Gran Bretaña poidan ser pescadas por aquelas flotas que o precisen.

O deputado advertiu que se non se adoptan medidas como as que defenden os armadores podemos atoparnos cunha nova medida coercitiva imposta pola Comisión europea coa finalidade de que diminúan drasticamente os días de pesca e rebaixando as “xa exiguas” posibilidades de capturas ao que hai que sumar a competencia coa flota portuguesa que ten maiores cotas, traballa toda a semana e ocupa os mercados galegos ademais de utilizar artes que en Galiza están prohibidos.

Rodas reiterou que as medidas reclamadas pasan por poder aproveitar as cotas que outros non consumen, desenvolver as condicións para unha pesca máis selectiva, por en valor todos os produtos procedentes dos descartes de talla comercial e os que non cumpran a talla conten cun prezo mínimo e que a finalidade, unha vez conseguido o RMS, sexa o mantemento da actividade e os postos de traballo.

Finalmente, o parlamentario do BNG agradeceu o apoio de todos os grupos á proposta nacionalista.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive