11 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Grupo Provincial Popular pídelle ao bipartito que triplique a achega do Plan de Obras e Servizos para actuacións municipais en 2016

17-02-16

Mércores, 17 de febreiro de 2016.- O Grupo Provincial do PP vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno do martes 23 na que solicita que o bipartito triplique a achega do Plan de Obras e Servizos (POS) para actuacións municipais en 2016. Os populares demandan ademais que a achega económica que fagan os Concellos ao POS non supere o 25% do importe total do plan, rebaixando á metade as achegas que facían ata o de agora.

Os populares seguen achegando propostas en positivo para tratar de desbloquear unha institución que socialistas e nacionalistas manteñen paralizada. “O PP non vai permitir que os dirixentes da institución provincial sigan de vacacións de maneira permanente”, explica a voceira, Elena Candia.

Así, amais desta iniciativa, o Grupo Popular Provincial xa ten demandando tamén que a Deputación asuma o financiamento do SAF, que respecte os acordos que se toman no Pleno ou en sociedades como Suplusa adoptados para mellorar as áreas industriais da provincia ou construír novos centros de maiores, un deles en O Caurel e outro en Portomarín.

A voceira do Grupo Provincial do PP lembra que o principal papel dos entes provinciais é o da cooperación cos concellos e o fomento do desenvolvemento económico e social, garantindo a prestación integral e adecuada na totalidade do territorio dos servizos de competencia municipal.

“A colaboración provincial resulta especialmente necesaria nas zonas rurais da nosa provincia, e por tanto nos pequenos concellos, onde a posta en práctica das políticas de desenvolvemento local e apoio administrativo podería dar lugar a excelentes resultados para os lucenses”, engade. A voceira considera que o POS que se vén aprobando por parte da Deputación nos últimos anos “é insuficiente economicamente”.

Tomando de exemplo o ano 2015, o Plan de Obras e Servizos da Deputación de Lugo contou cun importe total de 2.973.223,68 euros, dos cales 1.085.319,78 euros foron aportados polos concellos, 926.846,06 euros pola Deputación para obras municipais e 961.057,84 euros pola Deputación para a rede viaria provincial.

Polo tanto, das catro Deputacións galegas, no ano 2015 a Deputación de Lugo é a que menos achega ao Plan para obras municipais con 926.846,06 euros (asumindo o 50% das obras municipais), mentres que a Deputación de A Coruña achega 24.200.000 euros, a de Pontevedra 12.000.000 euros e a de Ourense 4.848.000 euros (asumindo todas menos a de Lugo o 100 % das obras municipais).

Así, na provincia de Lugo, os concellos achegan 1.085.319,78 euros, un importe superior que o que desembolsa a propia institución.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive