Lugo, 29 de marzo de 2016.- 13 Deputados votaron en contra de debater no Pleno por vía de urxencia a moción do Grupo Provincial Socialista para esixir á Xunta de Galicia a inmediata dotación do servizo de Hemodinámica as 24 horas no HULA e a publicación dos datos sobre mortalidade por infarto de miocardio aos 30 días, que oculta o Goberno galego.
Todo isto logo de que o 16 de marzo o Executivo autonómico publicase un “informe incompleto e sesgado”, no que se alerta de que un lucense afectado por un infarto de miocardio tarde o dobre de tempo en ser atendido que, por exemplo, un cidadán da Coruña. Concretamente, o tempo de espera é de máis de 3 horas, pois a provincia de Lugo non conta cun servizo de Hemodinámica as 24 horas e os doentes teñen que ser trasladados á Coruña. E non o ten, porque a Xunta está a incumprir a ILP máis respaldada na historia do Parlamento galego, pois contou co apoio de máis de 41.000 lucenses, para reclamar a dotación de dita prestación no HULA, así como Radioterapia e Medicina Nuclear.
Con todo, os 12 Deputados do PP e o Deputado non adscrito rexeitaron tratar este asunto “de vital importancia para os veciños de toda a provincia” no Pleno Provincial deste martes.
Onde está o médico de Navia de Suarna?
Aprobada por unanimidade a moción do Grupo Provincial Socialsita para esixir á Xunta de Galicia a inmediata cobertura das dúas prazas de médico do Centro de Saúde de Navia de Suarna, que nega o Goberno galego dende hai case un ano.
O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, subliñou que os veciños de Navia de Suarna levan meses solicitando que se cubran de maneira inmediata e definitiva as dúas prazas de médico do Centro de Saúde do Concello, “pero Feijóo, tal e como acontece con Radioterapia, Hemodinámica 24 horas ou Medicina Nuclear, dalles as costas. A Xunta afirmou, xa en agosto, que habería un médico titular ao final dese mesmo mes, pero por alí non chegou ninguén. De feito, hai semanas que houbo ata 3 médicos diferentes. Esto prexudica aos veciños, pero tamén afecta aos profesionais sanitarios eventuais que chegan ao Concello, pois teñen que atender a máis de 1.300 persoas, a parte das urxencias que se poidan producir fóra do propio Centro”
“Non estamos a pedir nada raro, simplemente solicitamos á Xunta que cumpra coas súas obrigas de ofrecerlle a todos os galegos e galegas unha sanidade pública de calildade e eficaz, aínda que cada vez con máis frecuencia, asistimos ao seu desmantelamento”.