11 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Deputación presentou os obradoiros para os días de lecer da Semana Santa 2016 na Rede Museística

16-03-16

b212f5a8-d3c2-43d7-ba38-ee2120362451Lugo, 16 de marzo de 2016.- O deputado delegado da área de Cultura da Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, presentou os programas de actividades e obradoiros que programan os 4 museos da Rede Museística da Deputación para a vindeira Semana Santa deste 2016.

Trátase de actividades especialmente pensadas para as persoas que forman parte dos clubes Pequeamig@s, Club Ei! e Club Sénior, pero tamén abertas a outros participantes.

O prazo de inscrición comeza este xoves, 17 de marzo, e rexerase por orde de chegada das inscricións aos diferentes departamentos de didáctica dos Museos da Rede da Deputación de Lugo.

Guiada da man dun soño / a Primavera chegou./ E todas as andoriñas/ no ceo azul convocou.

Así comeza un poema de Manuel María, poeta ao que este 2016 se dedica o Día das Letras Galegas. Versos que nos convocan ao renacer que trae canda si a primavera, que nos animan a saír e gozar do que vive ao noso arredor.

Nos museos da Rede Museística tamén hai vida, e cores, e obxectos que provocan en nós sentimentos, emocións, curiosidade …

Con Manuel María, e con todos vós, pretendemos que os días de lecer desta Semana Santa sexan tamén de aprendizaxe e descuberta. En cada un dos museos da Rede Museística que xestiona a Área de Cultura da Deputación de Lugo, temos un variado programa de obradoiros e propostas que vos van facer voar como voan as andoriñas no poema de Manuel María.

Todo é voar e voar,
e andar de aquí para alá.
Todo é un ir en un vir
dende aquí deica acolá!

Obradoiros no Museo Provincial do Mar
O Pau da igualdade
En numerosas culturas indíxenas o pau é un instrumento de procura de auga, de mudanza das condicións meteorolóxicas. Pretendemos utilizar este símbolo non realizar maxia, senón que xerar unha reflexión sobre a igualdade independentemente da cultura ou o xénero.
Data: 19 de Marzo
Horario: 11:30h a 13:00h
Idades: 6 a 14 anos (Club Pequeamig@s)
Prazas: 10

Outra de piratas
A piratería é un elemento inherente á historia dos mares que se converte en figura xa da mitoloxía e da literatura universal. Piratas que xa estiveron presentes en máis obradoiros deste museo e que neste son tamén mulleres, ou acaso non houbo mulleres nos barcos corsarios? Nos barcos piratas?
Data: 22 de Marzo
Horario: 11:30h a 13:00h
Idades: 6 a 14 anos (Club Pequeamig@s)
Prazas: 10

O Noso Son
Este proxecto consiste nun percorrido sonoro pola historia cultural e artística da nosa comunidade. Os diferentes Museos da Rede Museística ofrécennos a oportunidade de coñecer como era a vida en Galicia en diferentes épocas, así como as súas manifestacións artísticas e outros aspectos do seu patrimonio material pero poucas veces temos a oportunidade de escoitalas, de beber nas fontes inmateriais das historias e narracións orais. Este proxecto propón dar voz e vida aos obxectos que viven no museo a través das persoas que o visitan. Non se precisan coñecementos musicais, nin ter vocación teórica senón unha firme vontade para explorar as realidades sonoras e divertirse ao mesmo tempo.
Data: 22 de Marzo
Horario: 17:00h a 18:30h
Idades: todos os públicos (Club Pequeamig@s, Club Ei! e Club Sénior)
Prazas: 15
Web deste obradoiro: http://onososon.espaciorojo.com/presentacion/

Fíos e Tecidos: o tear
Obradoiro impartido por monitores/as da Asociación “Clío Reconstrucción Histórica”.
Os asistentes adquirirán nocións básicas sobre o tecido, as súas técnicas e as materias
primas empregadas, adaptando cada taller aos fondos de cada un dos museos.
Data: 23 de abril
Horario: de 12:00 a 13:00 h.
Prazas: 15 por sesión
Idades: de 8 a 16 anos (Club Pequeamig@s e Club Ei!)

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE ESTAS ACTIVIDADES
As inscricións deben realizarse no departamento de Didáctica do Museo Provincial do Mar, San Cibrao, Cervo. Tfno..: 982 59 45 72 / museodomar@museolugo.org
Xerencia da Rede Museística: Tfno.: 699 836 883 / xerenciaredemuseos@deputacionlugo.org
E para estar ao día de todo o que pasa nos museos da Rede Museística da Deputación de Lugo, síguenos en facebook, twitter e na web http://www.redemuseisticalugo.org

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive