23 de Maio de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Garda Civil de Lugo renova o seu parque móbil con quince novos vehículos

21-03-16

trafico-niO subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e o comandante xefe de Operacións da Garda Civil de Lugo, Carmelo Ruíz, presentaron esta mañá quince novos vehículos que se veñen de incorporar ao parque móbil da Comandancia e que se destinarán principalmente aos servizos de seguridade cidadá e ao Seprona.

Trátase de oito vehículos da marca Toyota (modelo Rav-4, con motor 2.2 de 150 CV) e sete da marca Nissan (modelo X-Trail, con motor 1,6 de 130 CV) que se repartirán entre as catro Compañías da Comandancia, atendendo ás necesidades de reposición.

ADAPTADOS ÁS NECESIDADES POLICIAIS
Atendendo ás súas características, estes quince novos vehículos da Garda Civil son de alta mobilidade para a demarcación rural á que van destinados e teñen motorizacións diesel. Contan ademais cos accesorios e extras que respostan ás necesidades do servizo policial. Así, están dotados das últimas tecnoloxías en acústica e luminosidade, e incorporan ademais as novas mamparas de seguridade extraíble, o que lles confire unha alta versatilidade como coches policiais, xa que permite utilizalos en modo patrulla ou para o traslado puntual de detidos.

De igual xeito, os vehículos dispoñen de Sistema de Comunicación SIRDEE (Sistema de radiocomunicacións Dixitais de Emerxencia do Estado), localización GPS, megafonía, sirena, ponte de sinalización prioritaria (conxunto de luces oficiais dispostas no teito do vehículo), defensas policiais e porta-defensas, e linternas (con instalación dos pertinentes cargadores), ademais da pintura bicolor que caracteriza aos vehículos da Garda Civil. O prezo de cada unidade supera os 35.000 euros, variando en función dos accesorios.

MELLOR ATENCIÓN
No transcurso da presentación, o subdelegado do Goberno asegurou que a incorporación dos novos vehículos “é unha boa nova” xa que a renovación do parque móbil “favorecerá a prestación dunha mellor atención aos cidadáns, ao tempo que reforza a propia seguridade dos profesionais da Garda Civil”.

A plantilla de vehículos actual da Comandancia da Garda Civil de Lugo é de 219 vehículos, entre turismos, todoterrenos e motocicletas, e á marxe dos vehículos dos que dispón o Subsector de Tráfico.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive