26 de Xuño de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Grupo Popular defenderá no pleno autonómico facilitar aos traballadores do mar que poidan aumentar voluntariamente as súas bases de cotización

21-03-16

Santiago, 21 de marzo de 2016.- O Grupo Popular defenderá na sesión plenaria da vindeira semana dúas proposicións non de lei dirixidas a facilitar que os traballadores do mar poidan aumentar voluntariamente as súas bases de cotización e para solicitar ao Concello de A Coruña a apertura do túnel do Parrote, xa que pasaron máis de 100 días desde a recepción das obras.

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Romero, explicou que “os traballadores do mar carecen na actualidade da posibilidade, do mesmo xeito que os traballadores autónomos e do sector agrario, de incrementar voluntariamente as cotizacións para que as pensións que cobren no futuro sexan maiores”.

Cambios normativos
Deste xeito, a través dunha proposición non de lei, o Grupo Popular solicita que o Goberno central impulse os cambios normativos necesarios para mellorar o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar, estudando co sector a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as súas bases de cotización.

A segunda das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular ten como obxectivo a apertura do túnel do Parrote en A Coruña, “unha obra que foi informada favorablemente polos técnicos do Ministerio de Fomento asegurando que o tráfico podía circular polo mesmo, pero que a día de hoxe o Concello de A Coruña aínda non puxo data para a súa apertura”.

“Van máis de cen días desde a data da recepción das obras e o túnel do Parrote segue pechado á circulación, provocando prexuízos e molestias de tráfico a máis de 40.000 veciños e propietarios de comercios e locais de hostalería”, apuntou.

Dous proxectos de lei
Previamente a estas proposicións non de lei, a sesión plenaria dará comezo co debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de asistencia xurídica da administración xeral da comunidade autónoma e do seu sector público. “Esperamos que a aceptación que esta norma tivo en Comisión, onde saíu adiante sen ningún voto en contra, se manteña en Pleno para reforzar os servizos xurídicos da Xunta na busca dun maior control da legalidade, da transparencia, da loita contra a corrupción e, en definitiva, dunha maior defensa dos dereitos dos cidadáns”, manifestou a viceportavoz popular.

Cristina Romero apuntou que “o obxectivo da Xunta e do Grupo Popular é que esta lei saia adiante co maior consenso posible para garantir a súa permanencia, ao tempo que sexa capaz de dar resposta ás necesidades de asesoramento, control e defensa que precise a administración autonómica, os seus entes e os seus empregados públicos”.

A continuación, procederase ao debate de toma en consideración do proxecto de Lei de coordinación de policías locais de Galicia, que actualiza e adapta a normativa existente ás novas normativas vixentes, establecendo unha serie de cambios e axustes que permitan acadar un maior índice de eficacia na organización e estrutura dos cadros de persoal das policías locais.

Entre as medidas que incorpora este proxecto de Lei, Romero subliñou a eliminación do tope de idade dos 36 anos para acceder ao corpo de policía local galego, así como unha mellora nos procesos de cobertura de prazas de mandos, que facilita tanto a promoción interna, como a mobilidade con ascenso desde outros corpos.

Por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno sobre as consecuencias da sentenza do Tribunal Supremo que anula a prórroga das concesións de transporte público interurbano en Galicia, así como pola viabilidade dun cambio de modelo de xestión dos consorcios provinciais de bombeiros.

Demagoxia coa bandeira europea
Cuestionada sobre a decisión dalgúns concellos de arriar a bandeira europea en repulsa polo política europea sobre refuxiados, Cristina Romero manifestou que “estamos en contra” desta decisión e lembrou que existe un acordo unánime no Congreso dos Deputados que defende que calquera actuación debe respectar os dereitos dos solicitantes de asilo, a legalidade internacional e a europea. “A isto sumouse o acordo razoable e sensato asinado a nivel europeo o pasado venres que garante o respecto rigoroso á legalidade europea e internacional e a exclusión expresa de calquera tipo de expulsión colectiva”, indicou.

Así mesmo, a viceportovoz criticou “a demagoxia coa que actúan determinados grupos nacionalistas respecto desta situación, xa que por un lado están a arriar a bandeira de Europa, pero por outra poñen as dúas mans para recibir investimentos de Europa para as cidades onde gobernan”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive