24 de Abril de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta presenta ao alumnado de Lugo a campaña “Comercio con talento” coa que impulsa a innovación e o emprendemento no sector

21-04-16

210416comerciocontalentolugo2Lugo, 21 de abril de 2016.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, acompañada polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, presentou este xoves no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes, en Lugo, a segunda edición da campaña Comercio con talento, unha iniciativa coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a innovación e o emprendemento no eido comercial entre a mocidade galega, con especial atención ao alumnado que recibe formación profesional específica sobre este sector.

Na campaña poden participar os alumnos e alumnas dos 26 centros galegos que imparten os ciclos de grao medio de Actividades comerciais e de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais. Así, preto de 800 estudantes teñen a posibilidade de formar parte desta iniciativa. Na provincia de Lugo, ademais do alumnado do CIFP As Mercedes, poden participar os xoves do IES de Foz. No resto de provincias, 11 centros pertencen a Pontevedra e outros tantos á provincia da Coruña, mentres que Ourense tamén conta con dous colexios.

A directora xeral de Comercio explicou aos alumnos e alumnas que o concurso celebrarase durante os meses de abril e maio. A iniciativa consiste en que os estudantes avaliarán o comercio da súa comarca para finalmente seleccionar un negocio. Estas tarefas de busca do local con talento realizaranse baixo a supervisión e control do centro educativo.

A continuación, os participantes elaborarán un proxecto sobre o comercio elixido, para o que deberán contar coa autorización do propio establecemento. Aínda que o concurso é individual, dous ou máis alumnos si poden escoller o mesmo comercio, repartíndose o premio entre eles de resultar o negocio gañador. Os proxectos teranse que enviarse antes do 15 de maio.

Un xurado especializado, formado por técnicos da Xunta e expertos en materia de comercio, será o encargado de escoller aos 14 comercios con máis talento de entre os propostos, ao tempo que fará unha preselección doutros 20 proxectos que se publicarán no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos 15 premios sexa decidido polo número de me gustas que reciba.

O fallo do xurado está previsto que se emita durante a primeira semana de xuño e a lista cos alumnos gañadores publicarase a continuación na web do Portal do Comerciante (http://portaldocomerciante.xunta.es/) e nas redes sociais que ten vinculadas (Facebook e Twitter). Os alumnos autores dos 15 proxectos gañadores recibirán un iPad mini como premio.

A campaña Comercio con talento forma parte das iniciativas coas que se apoia ao sector comercial, un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan de Impulso ao Comercio de Galicia. Neste contexto, no que vai de ano puxéronse en marcha programas de axudas por preto de 6 millóns de euros para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos, mellorar a imaxe e modernizar os negocios, fomentar o relevo comercial, revitalizar o comercio de proximidade ou conceder bolsas de formación.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive