CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. “Ponte no meu lugar, conecta conmigo” foi o lema invocado no pasado Día da Saúde Mental que se celebra todos 10 de outubro de cada ano; un servidor considera motivo de tristura que teñamos esa predilección por sinalar datas e, ao mesmo tempo, tan pouca predisposición para avanzar nas causas que as motivan.
Chego á conclusión de que a praxis, o empirismo, amosa que aqueles días que se sinalan con carácter conmemorativo son algo así coma asignaturas pendentes, como post its que se colocan no caixón da conciencia pero que, en si mesmos, non garanten que nos imos lembrar de cumprir as nosas obrigas: día da muller, día contra o cancro, día do orgullo homosexual, día internacional para a erradicación da pobreza… e podería seguir ate o infinito, xulguen vostedes mesmos.
A pesar de todas as eivas imputables á nosa propia natureza –a de seres humanos-, en ocasións un atopa persoas que o reconcilian con un mesmo, espazos nos que poder confiar, lugares comúns; algo así aconteceu aló polo ano 1999 cando comezaba a xermolar a Asocación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña.
Familias de afectados que se auto-organizan, establecen fórmulas cooperativas e buscan solucións coa fin de chegar a lugares a onde non chegan nin as institucións nin o resto da sociedade; na mesma liña, con carácter espontáneo e coa pretensión de axudar a distintos colectivos, xurdiron iniciativas como a Fundación Camiña, Eu Son,AFAN…
Unha ecuación sinxela: conciencia, compromiso e vontade; e unha fin última: seguir xerando conciencia, seguir facendo pedagoxía.
O pasado domingo 22 de maio tivo lugar na Unidade Residencial de Bidueiros (Cervo) a representación da obra teatral “A marabillosa mente de Alicia”, levada a cabo polo teatro de taller de “A Mariña”, o mesmo que, o pasado día 13, en conmemoración do Día das Letras Galegas, representou “O Cazo de Sabela” no CEIP Vista Alegre. O teatro como canle para unha preciosa metáfora que conclúe co corolario: “A todos nos pode caer un cazo.”
Din que hai un proceso lóxico de construción, que non se pode comezar a facer unha casa polo teito; pode que o mellor xeito de comezar sexa desde abaixo, empece polos nenos, porén, si somos capaces de educar é posible que á volta agarde un futuro mellor.
Tempo atrás a enfermidade mental asociábase a ideas místicas, posesións demoníacas ou forzas sobrenaturais; cando se crearon as primeiras estruturas para a convivencia de enfermos estas eran cárceres onde se mitigaba a dor con tortura. Hoxe sabemos que na sociedade occidental, onde o índice estadístico de vida media aumentou ata cifras inéditas, a patoloxía psíquica é a enfermidade do noso tempo; tamén sabemos por datos biográficos que os Darwin, Munch, Martin Luther King, Einstein, Pollock, Van Gogh ou o propio Mozart, por dicir algún, puideron padecer algún tipo de trastorno.
Pode que o seguinte paso en todo este proceso teña que ver con asumir que nunha sociedade na que se tende a homoxeneizar e a pasar o rodillo da uniformidade por enriba de todo, o natural sexa aceptar a diversidade, a diferencia, porque “a todos nos pode caer un cazo.”