19 de Outubro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Fotografías de gran tamaño permitirán contemplar o presente e o pasado de Ferreira do Valadouro na Praza de Santa María

13-08-16

pasado-ferreiraFerreira, 13 de agosto de 2016.- Ferreira do Valadouro mostra o seu pasado a través dunha exposición fotográfica na que teñen cabida imaxes dos lugares máis emblemáticos da vila e algúns personaxes que marcaron a vida da localidade nun pasado próximo.

A exposición fotográfica será oficialmente inaugurada o domingo 14 de agosto, ás 20.00 horas, na praza de Santa María, pero as fotografías que a compoñen quedarán colgadas nos seus emprazamentos ao longo da fin de semana que comeza.

Esta exposición, composta por doce fotografías datadas entre 1895 e 1966, ten un valor diferencial respecto doutras exposicións similares ao tratarse de imaxes de gran tamaño (1,90 metros de ancho e arredor de 1,20 metros de alto cada fotografía) e estar emprazadas no lugar dende o que foron tomadas as fotografías ou no sitio en que se atopa ou atopaba o lugar fotografado. Desta maneira, permiten contemplar nunha soa ollada o presente e o pasado da vila.

A exposición conta con seis fotografías protagonizadas por diversos lugares da vila: tres mostran a praza de Ferreira tal como era a finais do século XIX e comezos do século XX, incluíndo a capela derrubada en 1931, e os xa inexistentes pendellos do mercado, así como unha casa de grandes dimensións que existiu na praza de Ferreira, dotada cunha descomunal cheminea e pombeiro. Outras dúas fotografías mostran a Ponte, con puntos de vista xeográficamente opostos (mirando cara o cento da vila e cara a periferia), e permiten contemplar os grandes cambios que sufriu a zona co pasar dos anos. Finalmente, unha fotografía, tomada dende a zona da Veiga, amosa o perfil clásico de Ferreira coa peculiaridade de que foi tomada cando a igrexa estaba en plena construción.

As outras seis fotos xiran arredor de lugares da vila e as personaxes nelas presentes. Catro recollen imaxes das tabernas e ultramarinos máis emblemáticos do século XX, como son a de Ramón Blanco, a Barra, o Mogo e Os Lobos. Otra destas fotografías inclúe aios doce membros da Banda dos Pisós, unha das máis populares bandas de música do Valadouro na década de 1920 e, finalmente, unha imaxe corresponde a un autobús da marca francesa De Dion Bouton, na que pousan para o fotógrafo o propietario, a súa familia e os clientes preparados para iniciar a viaxe.

A exposición foi organizada pola Asociación para a Promoción e Desenrolo da Comarca do Ouro (Aprodeco) e o Seminario de Estudos de Alfoz-Valadouro (SEVA) contando coa colaboración de membros do grupo de Facebook “Eres de Ferreira do Valadouro si…” que, con preto de 900 integrantes, publica, comenta e documenta fotografías antigas non so da vila de Ferreira senón de todas as parroquias que compoñen o territorio xeográfico do Valadouro (Concellos de Alfoz e Valadouro, así como as parroquias de Santo Acisco do Valadouro, Santa Cilla do Valadouro e Oirán). Simultaneamente coa exposición ponse en servizo unha web na que se recollen, con outro formato as principais fotografías publicadas no grupo de Facebook e a información recollida a través do mesmo. A URL da web é http://valadourofoto.wordpress.com.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive