19 de Outubro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG asegura que “as depuradoras de Barreiros están totalmente desbordadas”

13-08-16

deptrasdfasdBarreiros, 13 de agosto de 2016. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros vén de comprobar que os problemas nos sistemas de depuración non son exclusivos de Reinante, senón que existen exactamente igual nas parroquias de San Miguel e San Cosme.

“Hai xa unhas semanas que advertíamos ao goberno municipal dos problemas en San Miguel. A decantadora que hai non é capaz de decantar a auga que recibe e sae igual que entra, creando un grave problema de contaminación do río que vai desembocar ao outro lado da praia da Arealonga. De feito, o estado do regato que desemboca na zona de San Miguel desa praia dá boa mostra de que a situación da auga non é normal”, explica a portavoz municipal, Ana Ermida. “Estamos aínda agardando a que se execute o proxecto para unha depuradora que remate con este desastre, pero o propio alcalde no último pleno recoñeceu que non sabe cando se vai realizar”, explican.

A maiores disto, a depuradora de San Cosme segue sen funcionar correctamente, como xa advertimos desde o grupo municipal nacionalista hai xa meses. “É unha depuradora nova, que non debera ter problema para atender as necesidades actuais, pero a incapacidade na súa xestión fai que non estea funcionando ao cen por cen e exista outro foco máis de contaminación”, asegura Ana Ermida.

Desde o grupo municipal do BNG instan ao goberno municipal, “en concreto ao alcalde e ao concelleiro de medio ambiente a poñerse a traballar con seriedade nun plan de investimentos para atallar estes problemas que non son novos e que amosan a situación na que está o concello de Barreiros como consecuencia da incapacidade do grupo de goberno.”

A portavoz municipal do BNG insiste en que “a falta de previsión e a deixadez deste goberno municipal están levando a este concello a unha situación de caos que cada vez ten máis difícil solución. Están acabando con todo”, sentencian.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive