21 de Setembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Mancomunidade de Municipios da Mariña reparte proporcionalmente os colectores adquiridos co Fondo de Compensación Ambiental

13-09-16

A Mariña, 13 de setembro de 2016. A Mancomunidade de Municipios da Mariña acordou no pleno celebrado este luns en Barreiros o reparto proporcional dos contedores adquiridos a través do Fondo de Compensación Ambiental. Na sesión tamén se abordaron accións que se levarán adiante ao longo dos vindeiros meses como os Puntos limpos para xestión de residuos machistas, segundo deu a coñecer o presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano.

Este explicou que “un dos asuntos que tratamos onte en Barreiros foi a adxudicación do Fondo de Compensación Ambiental, que vai este ano dirixido á petición de varios contedores de residuos de diferentes tipos para colocar en cada un dos concellos que formamos parte da Mancomunidade. Nesa adxudicación gañou o concurso unha empresa que se chama Veicar, que foi a mellor opción con diferenza”. Llano dixo que “hai que ter en conta que había un orzamento aproximado de 120.000 euros entre a subvención da Xunta e as achegas dos concellos. Conseguíronse 220 contedores verdes, outros 78 colectores verdes de menos capacidade, 77 amarelos, 18 de papel e 19 de vidro. E tamén se mercaron 133 papeleiras, 114 suxeita papeleiras e 5 cubre contedores. Onte fixemos o reparto e todo o mundo está de acordo porque fixemos unha distribución proporcional, de acordo á petición que fixera cada concello, e basicamente axústase moi ben ao que solicitara cada un deles. Todo o mundo quedou satisfeito. Por exemplo dos contedores verdes de 360 litros aínda queda un remanente de 14. Dentro de poucos días a empresa que foi adxudicataria vai repartir en cada concello os contedores que lles corresponden. Penso que foi unha boa cuestión, que saíu moi ben para todos os concellos e penso que no futuro se pode seguir apostando por este tipo de subvencións que realmente benefician ao conxunto, que é o que hai que mirar sempre”.

O presidente dixo que “outro dos asuntos abordados na sesión plenaria de onte foi a posta en marcha do proxecto Puntos limpos para xestión de residuos machistas, que obtivo un premio dotado con 40.000 euros, que se investirán na realización dunha programación na que participarán os Concellos, os CIM e os centros de ensino dunha maneira coordinada, transversal e formativa. O que se fixo foi unha exposición de cómo se desenvolverá o proxecto de aquí a finais de ano, está moi avanzado, haberá actividades conxuntas e en rede e haberá unha páxina web de comunicación directa entre os propios Concellos. E tamén acordamos facer algo xuntos, todos os Concellos da Mancomunidade, o vindeiro 25 de novembro, xa veremos onde e xa veremos como e qué tipo de actos realizaremos. Isto abordarémolo nunha xuntanza que celebraremos en outubro”.

Llano contou que “tamén se abordaron os contratos do convenio de turismo, onte informouse sobre eles e aprobáronse definitivamente, refírome ás rutas de artesanía, á consolidación do mes da maxia, ao patrocinio e promoción do Camiño Norte, ao turismo slow e accións formativas dirixidas á restauración e hostalería, que queremos iniciar canto antes. E tamén estamos xa a preparar o que será a nosa presenza en Fitur o vindeiro ano”.

Plan Avanza
O plan Avanza ao que se adheriron hai semanas seis concellos da Mancomunidade foi outro dos temas analizados no pleno de onte: “son 60 persoas as que recibirán formación ao longo dos vindeiros meses, dos que temos que insertar laboralmente como mínimo a 21 dos participantes no proxecto. A implicación dos seis concellos é total, vaise facer a selección dos beneficiarios. O proceso será coordinado polo INEM de Ribadeo ao que lle pediremos unhas 120 persoas, unha vez feita a selección darémoslle para adiante ao plan Avanza”.

Atención temperá
Outro dos asuntos abordados no pleno de onte foi o centro de atención temperá, situado en Burela, e que poderán empregar todos os concellos da Mancomunidade despois de aprobar a súa adhesión en sesións plenarias municipais. O presidente deste ente aclara que non será un servizo mancomunado: “a atención temperá é un servizo que queremos que sexa para todos os municipios da Mancomunidade e iso foi aceptado por todos os membros do pleno. Pero para adherirse a este convenio de atención temperá é necesario que pasen por aprobación plenaria en cada un dos concellos, pero non todos fan sesións da Corporación nun prazo pequeno de tempo, como foi un mes, para formalizar esta adhesión ao servizo de atención temperá. Polo tanto vamos ver se logramos que este ano se implante esta cuestión que temos moito interese en facer. Pero é evidente que todos os concellos da Mariña van poder dispoñer deste servizo de atención temperá e o único que queda é formalizar por parte de cada un dos concellos esta adhesión. Non é un servizo mancomunado, senón que todos os concellos da Mancomunidade poden adherirse e vai seguir sendo o Concello de Burela o máximo responsable por estar situado aquí, concretamente na Casa do Mar”.

Finalmente Alfredo Llano relatou que no capítulo de rogos e preguntas “houbo unha cuestión interesante, que foi unha petición do alcalde do Valadouro para procurar ter unha axuda das Policías Municipais, que en moitos concellos non teñen e entonces nalgún evento, festividade ou noutra cuestión que fose moi necesaria solicitarían efectivos aos concellos que si temos Policía Local. Trátase de buscar unha fórmula de favorecer estes intercambios, porque eu entendo que algúns concellos moitas veces precisan desta axuda”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive