21 de Setembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

As 8 agrupacións da segunda xornada da Interfederativa de Confrarías do Cantábrico Noroeste chegaron a conclusións en 14 temas de interese común

13-09-16

2interfederativa-confraO Director Xeral de Ordenación Pesqueira do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA), Carlos Larrañaga, foi o encargado de poñer punto e final a unha exitosa segunda edición da Interfederativa de Confrarías do Cantábrico Noroeste. O encontro, organizado pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e celebrado en Burela os pasados días 12 e 13 de setembro, reuniu a delegados das oito agrupacións de depósitos do caladoiro Cantábrico-Noroeste e a representantes tanto da administración central como dos gobernos autonómicos de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, para tratar temas do interese da frota artesanal.

Larrañaga pechou o congreso cunha intervención na que expuxo o Programa Operativo de España 2014-2020. O representante do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente explicou as prioridades de financiamento que establece o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP): o fomento da pesca e acuicultura sustentables e competitivas; a aplicación da Política Pesqueira Común (PPC); o aumento do desenvolvemento e a cohesión territorial; promover a comercialización e a transformación; e implementar a Política Marítima Integrada (PMI).

O Director Xeral de Ordenación Pesqueira resaltou que o regulamento ten como fin “impulsar unha serie de medidas de acompañamento e de apoio financeiro para conseguir os obxectivos que persegue a PPC”. O representante do Goberno central precisou que España recibirá 1.161 millóns de euros do FEMP para o período 2014-2020, co fin de asegurar “a sustentabilidade ambiental, económica e social” do sector pesqueiro.

Larrañaga valorou a Interfederativa de Confrarías do Cantábrico Noroeste como un evento “útil, que nos serve para coñecer de primeira man os problemas e as dúbidas que poida ter a frota artesanal”. Así, animou a convocar reunións deste tipo cunha maior frecuencia. “É un exemplo do que temos que facer”, asegurou, “profundar no diálogo entre as administracións e o sector”.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, destacou no acto de clausura a importancia da pesca na economía do municipio burelense e avogou por un sector que sexa capaz de “manter o atractivo entre a xente nova”, como forma de asegurar a necesaria substitución xeracional.

Pola súa banda, o Presidente da Federación de Confrarías de Pescadores de Lugo, Basilio Otero, agradeceu aos asistentes a súa presenza e fixo fincapé na importancia da novidade da presente edición: a xornada conxunta de traballo que reuniu a representantes do sector e os representantes das administracións; o Director Xeral de Ordenación Pesqueira do MAGRAMA e os Directores de Pesca das comunidades autónomas do caladoiro Cantábrico-Noroeste. “Consideramos positivo non só poñer en común os nosos problemas e inquietudes, senón tamén presentarllos aos representantes das administracións. Puidemos mirarnos aos ollos e puideron comprobar a nosa cara de preocupación”, sinalou.

ENCONTRO ENTRE A ADMINISTRACIÓN E As CONFRARÍAS DE PESCADORES DO CANTÁBRICO NOROESTE
Durante a reunión Interfederativa de Confrarías do Cantábrico Noroeste, celebrada o luns, os representantes dos depósitos acordaron unha serie de temas que serviron como documento de traballo na reunión que este martes pola mañá mantivo o sector pesqueiro artesanal coa Administración.

A esta reunión de traballo conxunta entre representantes dos depósitos e das administracións pesqueiras asistiron os Directores de Pesca das catro autonomías convocadas: Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco; así como o Director Xeral de Ordenación Pesqueira de SEGEPESCA, Carlos Larrañaga, que posteriormente sería o encargado de clausurar a Segunda Interfederativa de Confrarías do Cantábrico-Noroeste.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive