24 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Melina López explica que o “horario de oficina” actual do servizo de hemodinámica pon en risco a vida dos lucenses infartados

13-09-16

melina-cxgA candidata número dous de Compromiso por Galicia pola provincia de Lugo, Melina López, comprométese en nome dese partido a dotar o Hospital Universitario Lucus Augusti cun servizo de hemodinámica que funcione as 24 horas, e acabar coas restriccións que supoñen continuar co horario actual, un “horario de oficina”, de 08.00 a 15.00 horas, que “pon en perigo a vida dos pacientes que sufren un infarto fora dese horario”.

A galeguista lucense explica que “a hora de traslado que se perde en derivar ao paciente infartado á Coruña é decisiva para a súa vida e a súa recuperación”. Melina López participa en programas de voluntariado ligados ao HULA polo que coñece de primeira man as súas dotacións e as circunstancias nas que son tratados os pacientes.

É por iso que tanto ela como o partido polo que se presenta como número dous pola provincia de Lugo asume como propias as reivindicacións que durante os últimos anos formularon os pacientes afectados por estas deficiencias nas instalacións sanitarias. “Unhas peticións que conforman o sentir dos cidadáns, en canto que non deixan de ser necesidades sanitarias de carácter público, prometidas no seu día, polos actuais mandatarios da Xunta de Galicia”, lembra a candidata nacionalista.

O servizo de hemodinámica 24 horas que reclama Melina López, “foi prometido polo actual Presidente da Xunta” pero nunca pasou de ofrecer máis de oito horas diarias. “Parece, xa que logo de sentido común, que un servizo dese calado, nun espazo do calado do hospital actual, debe cubrir ás 24h, porque ben sabemos que os enfermos non saben de horarios, e moito menos ás urxencias deste tipo”, argumenta. Alerta asimesmo do risco de que “o tempo que pasa, entre que o paciente detecta o primeiro síntoma e é tratado na unidade de hemodinámica, é o primeiro factor a ter en conta, e ese tempo, marca o resultado do procedemento. Existindo, ademais, un volumen suficiente de procedementos a tratar en Lugo”. E estos casos non son en absoluto excepcionais, pois “a metade dos infartados en Lugo, teñen que ser trasladados á Coruña”, engadiu.

Melina López lembra que incluso un representante público dos lucenses xustificou esta carencia atrevéndose, no seu día, a preguntar “quén dicía que ter hemodinámica 24h era mellor que tela 8?”, como é o servizo actual. “Á vista está que moitos profesionais viñeron a sustentar que sí é necesario un servizo completo no HULA, e do mesmo xeito, fixérono e fanno, moitos lucenses que saíron á rúa a reclamar un servizo que é de xustiza”, aclara a política lucense.

O número un de CxG por Lugo, Juan Carlos Piñeiro, respaldou as declaracións de Melina López, e lembrou que se trata dun servizo que afecta non só á cidade de Lugo, senón que está destinado a atender a demanda d provincia.

Xunto co servizo integral de hemodinámica a galeguista lucense considera imprescindible dotar ao HULA dun segundo acelerador de radioterapia. “Certo é, que fai ben pouco, púxose en marcha o primeiro acelerador deste tipo, pero tamén é verdade que o búnker para o segundo está listo e, polo tanto, só é preciso facer poñelo a funcionar”, explicou. Actualmente cerca de 750 lucenses téñense que desprazar á Coruña para someterse ao tratamento, que ben podían recibir no hospital lucense. Existen as salas, o búnker, pero segundo a Xunta “non teremos ata finais de ano o servizo, algo que, dende Compromiso, esperamos que así sexa, pero dubidamos, posto que faltan os aparellos e mailo permiso de posta en funcionamento”.

Para Melina, trátase de “dúas necesidades perentorias, servizos polos que hai xente que non pode esperar e que son dotacións básicas para garantir unha cobertura sanitaria en igualdade de condicións”.

“Cando en Lugo tivemos NOVO hospital, sabíamos que nin todos os servizos chegaban á vez, nin se cubrían tódalas necesidades de maneira inmediata. Pero cando xa levamos máis de cinco anos co Hospital Universitario Lucus Augusti en funcionamento, somos quen de entender que os cidadáns reclamen a posta en marcha de determinadas funcións prometidas no seu momento polos gobernantes de turno”, engadiu.

En consonancia coas demandas dos pacientes, Melina aclara que “os lucenses non queren un hospital grande, senón un gran hospital e polo tanto, non só é necesario cubrir ás 24 horas do servizo de hemodinámica, senón facelo xa”. “Se existe a estructura e o volume de casos necesarios, non dispor deste servizo é unha manobra política e e ningún caso responde a necesidades dos cidadáns de a pe, que o que requiren e seren atendidos coa mellor das calidades asistenciais”, reclama.

Melina López argumenta que “cinco anos son tempo máis que suficiente” para dotar ao hospital das instalacións necesarias para ofrecer un servizo integral que evite derivar enfermos, “e os pacientes non teñen porqué agardar decisións e trámites administrativos que xa tiñan que estar feitos dende fai tempo”.

“É algo necesario, de xustiza social, que ven a garantizar unha sanidade pública para todos. Acaso os lucenses son menos importantes que o resto dos galegos?” denuncia.

Noutro senso o candidato Juan Carlos Piñeiro Fixo pública a intención do Partido de presentar unha petición formal na Deputación de Lugo para que os representantes do BNG abandonen o ente provincial sendo de este xeito consecuentes co seu programa e a sua opinión sobor da administración provincial. É hora de ser consecuentes e coherentes, non val ser partidario da Deputación so a fin de mes.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive