24 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG constata “a indignación e desesperación” dos veciños de Burela afectados polas inundacións

14-09-16

Burela, 14 de Setembro de 2016. Este martes resultaba desolador o panorama na avenida Arcadio Pardiñas no seu cruce con Rúa do Río: negocios anegados, veciños abrindo sumidoiros para poder desatascalos e evitar así que a auga seguise entrando nos locais e causando mais desperfectos.

A concelleira do BNG Dori González achegouse ao lugar dos feitos para coñecer de primeira man os desperfectos ocasionados pola auga e as necesidades da veciñanza e comercios afectados.

O peor de todo isto é que fai 6 anos se viviu unha situación similar e o alcalde nese momento que resulta ser o mesmo que agora, prometeu que esa situación non se volvería a dar, e agora non so se volve a dar senón que a súa resposta foi que isto é normal que pase porque choveu moito. “Quero recordarlle ó Señor Llano que chover choveu, e mais que vai chover, pero seguramente se o mantemento dos sumidoiros fose o correcto e se fixese mais polo miúdo poderíase evitar que estas cousas pasasen” sinalou Dori. “É momento de buscar responsables e solucións, e dende logo aquí existe unha responsabilidade que debería asumir tanto o concello como, sobre todo, a empresa contratada por este para xestionar o servizo da auga, neste caso Espina y Delfín” continuou a edil do BNG.

A concelleira nacionalista recorda que “os veciños e veciñas de Burela somos os que mais pagamos polo servizo de auga e recollida de lixo de toda Galiza, así que coidamos que so por iso deberían levar mais ó día o saneamento e mantemento de sumidoiros e evitar deste xeito que os veciños e as veciñas se vexan nesta situación”. Para o BNG este é o resultado da privatización dos servizos básicos, un maior prezo para un servizo de menor calidade.

Estes veciños están a estudar a posibilidade de denunciar ou ben á empresa responsable ou ben ó concello como responsable indirecto e o BNG estará coma sempre do lado da veciñanza, apoiando ate o final nesta como noutras causas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive