21 de Setembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Cervo ten encargado o proxecto de renovación do abastecemento de auga nas rúas da zona do Porto de Arriba

13-09-16

Cervo, 13 de setembro de 2016. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, aclarou hoxe, martes, que o Concello xa ten encargado desde principios deste ano a elaboración do proxecto para renovar as tubaxes do abastecemento de auga e facer outras melloras nas rúas da zona do Porto de Arriba, en San Ciprián.

“Ante a petición feita onte polo Bloque Nacionalista Galego e tamén algúns veciños de San Ciprián para reclamar o arranxo na zona do Faro de San Ciprián das tubaxes do abastecemento de auga, quero explicar que desde o Concello de Cervo xa levamos desde principios deste ano traballando neste proxecto, que xa se encargou ao equipo redactor a súa elaboración, xa se reuniron cos técnicos municipais e xa estiveron por esa zona mirando todas as rúas do Porto de Arriba, que así se chama este lugar, para facer unha análise de todas as instalacións, non soamente ás do abastecemento de auga senón tamén as de saneamento e outras. Porque a nosa proposta, e así llo indicamos ao equipo redactor, e cambiar todas as instalacións que hai no Porto de Arriba, de San Ciprián. Vamos tamén traballar para levar a cabo o soterramento das liñas eléctricas e telefónicas cando se acometan estes traballos, para os que xa está feito o levantamento topográfico de todas as rúas da zona do Porto de Arriba. A nosa proposta, formulada ao equipo redactor, é non cambiar soamente as instalacións senón tamén pavimentar totalmente as rúas”, explicou o rexedor municipal.

Alfonso Villares engadiu que “é un proxecto ambicioso e será o Concello de Cervo o que sufrague todo o investimento necesario para acometer estas obras. Este proxecto esperamos telo encima da mesa antes de que remate o vindeiro mes de outubro e seguramente empezaremos a executalo no próximo ano, pero antes haberá que pedir os permisos preceptivos, porque esa é unha zona que está afectada por Patrimonio. E unha vez que teñamos esas autorizacións levaremos a cabo estes traballos”.

O alcalde comentou tamén que “moitos veciños do Porto de Arriba xa saben que estamos a facer estas xestións, sábeno perfectamente porque se fixeron os levantamentos topográficos e os técnicos municipais estiveron vendo toda a zona e ademais porque desde o Concello de Cervo consideramos que son unhas obras que hai que facer. Pero vamos pouco a pouco, segundo podemos”.

Ademais Villares lembrou “que hai uns meses anunciamos que outra zona onde tamén é necesario acometer traballos deste tipo é Riocobo, que neste caso contarán con financiamento da Xunta de Galicia cun investimento de máis de 200.000 euros para cambiar as instalacións de abastecemento de auga. E agora o seguinte paso é rematar o proxecto para a zona do Porto de Arriba e acometer as obras, que se van facer nun principio con fondos municipais, se non atopamos outro tipo de financiamento, pero dun xeito ou doutro vanse realizar a partir do próximo ano”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive