24 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Veciños e veciñas de Ribadeo, de intercambio na localidade bretona de Loctudy

14-09-16

ribad-loctuRibadeo, 14 de setembro de 2016. Un grupo de veciños e veciñas de Ribadeo están a compartir uns días de intercambio cultural en Loctudy, onde están a desenvolver unha intensa axenda de actividades, segundo explicaba este mércores o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, que viaxa na expedición que partiu de Ribadeo a finais da pasada semana.

Graña contou que “o venres, 9 de setembro, partimos de Ribadeo un grupo de veciños e veciñas, agrupados en torno á asociación de Irmanamento de Ribadeo, cara a localidade bretona de Loctudy. Ao longo desta semana desenvolvemos unha intensa actividade. Participamos en diferentes xornadas de convivencia cos socios e socias da asociación Jumelages Loctudy Fishguard Ribadeo. Tamén desenvolvemos encontros institucionais coa alcaldía, que alí lle chaman comuna, de Loctudy. Neste encontro constatamos a vontade da mesma por continuar con este tipo de encontros”.

O concelleiro de Cultura ribadense sinalou que “hai interese por potenciar encontros a nivel sectorial como podería ser con centros de ensino para que os rapaces poidan practicar uns español e outros francés e facer, se fora posible sobre todo en centros de secundaria, intercambios de alumnos entre unha vila e outra. Hai interese por coñecer a actividade das cooperativas agropecuarias e pesqueira, e tamén coñecer a actividade das asociacións culturais, deportivas, club náutico, etc… Tivemos momentos para profundizar nas nosas semellanzas como pobos e lembramos a figura de Castelao que estudou as relacións entre Galicia, Irlanda, Escocia e a Bretaña. En ocasións puidemos coñecer detalles da historia dos bretóns onde se fai referencia explícita ao noso país”. Farruco Graña seguiu a relatar que “incluso a actividade pesqueira e comercial bretona a comezos do século XX puidera gardar certa relación coa actividade pesqueira da Mariña luguesa e en concreto con Rinlo. É unha mera hipótese de traballo, temos que tirar do fío, pero poden saír cousas interesantes e a nosa propia historia mostrarnos que nos estábamos tan illados porque o mar era o que máis nos achegaba ao resto do mundo”.

O edil nacionalista dixo que “desde a asociación de Irmanamento de Ribadeo queremos convidar a máis veciñas e veciños a sumarse a esta experiencia. Unha vez que cheguemos a Ribadeo comezaremos a preparar con ilusión a próxima visita que nos fagan os nosos amigos e amigas de Loctudy. Temos que agradecer en primeiro lugar a inmensa hospitalidade coa que nos acolleron e mostrarlles tamén nós cando veñan a mesma hospitalidade e darlles a coñecer a nosa cultura, paisaxe e as actividades de tipo social e cultural que desenvolvemos, e facelo coa mesma paixón que eles o fixeron. Estamos en débeda con eles e queremos corresponder. Animamos a toda a comunidade ribadense a sumarse a esta iniciativa e entre todos preparar unha nova visita que nos fagan os membros desta asociación para acollelos con ilusión cando se acheguen de novo a Ribadeo”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive