11 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Ficciónate, o ciclo de cinema dos novos talentos do audiovisual, en Burela

12-10-16

fotograma-rancorBurela, 7 de outubro de 2016. O venres 14 de outubro ás 20.00 horas no Auditorio da Casa da Cultura de Burela, preséntase Ficciónate, o ciclo de cinema galego desenvolvido por novos talentos do audiovisual galego. Catro curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos dous anos e que unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Rancor de Miguel Morales, El Comediante de Óscar Cruz, Fálame do silencio de Lois Blanco e Unary de Luis Avilés proxectaranse na vila da Mariña lucense, tras visitar o Auditorio da Illa de Arousa, Casa da Cultura de Negreira, O Museo de Pontevedra, a Praza da vila de Sarria e o Cantón de Ferrol e tendo como seguinte destino o Multiusos Terra de Xallas de Santa Comba, o sábado 15 de outubro.

Tralas proxeccións, os asistentes terán a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación.

Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Rancor é a historia de Teo, un rapaz que durante a súa infancia, sofre o maltrato, a desidia e a vexación de mans do seu pai, tendo a súa nai enferma. O pasado sempre volve, e despois de graduarse nos seus estudios, volve ver ao seu pai logo de pasar moitos anos atrás.

Tras este drama, os espectadores disfrutarán do humor de El Comediante, a historia de Óscar, un rapaz que intenta traballar no mundo do humor facendo monólogos e atopa nas pantasmas do pasado, unha fonte de inspiración, ademais de vivir diferentes aventuras e desventuras que o axudan a construir o seu texto. Tratando temas de actualidade, ante a dificultade da xuventude de non atopar saída ante os problemas laborais e persoais, enténdese o contexto de Fálame do silencio, unha reflexión sobre unha situación xeracional, da preocupación de “non ver saída”, da frustración de buscar unha estabilidade e non saber ou non poder conseguila. Por último, a laureada Unary, trata sobre o primeiro día de liberdade de Lucas. Despois de 21 anos en prisión, Lucas enfróntase a un mundo que non coñece, a unha nova vida. Lucas está marcado por unhas rutinas, uns horarios, unha contorna e uns pensamentos que non poderá manter fóra de prisión.

En resumo, en palabras do organizador Andrés Rozados, “O proxecto nace da necesidade de prantexar un circuíto alternativo aos festivais e certames habituais, cunha orientación didactica, instructiva e con vocación cooperativa”. Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa coa colaboración de MT Producciones, Pixel Films e Porco Bravú e o apoio do Concello de Burela.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive