20 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O alcalde de Cervo manifesta que “o BNG parece contrariado porque o Concello non resultara condenado a pagar algo do que non foi responsable”

14-11-16

Cervo, 14 de novembro de 2016. O alcalde de Cervo considera que o BNG parece contrariado porque o Concello non resultara condenado na sentenza referida á construción dun edificio no Castro da Atalaia. Alfonso Villares lembra que cando o Concello concedeu a licenza a zona non estaba inventariada e o departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia estaba dirixido polo propio BNG.

O rexedor cervense manifesta que “diante dunhas informacións vertidas polo BNG este pasado fin de semana con respecto ao asunto do Castro da Atalaia e unha sentenza que saíu e onde quen denunciou eran uns promotores á Xunta de Galicia, e curiosamente daquela a Xunta estaba gobernada polo bipartito e a parte de Patrimonio e Cultura estaba dirixida polo propio BNG, nosoutros sabemos perfectamente que o Bloque non está contento con esta sentenza; non polo que diga senón porque realmente ao Bloque o que lle gustaría e que nesta sentenza se condenara ao Concello de Cervo e con el a todos os veciños de Cervo. Como non é así están un pouco contrariados e por iso verten noticias que son mentiras e que non son certas. Na sentenza quen denuncian son os promotores e a quen denuncian é á Xunta de Galicia, e o Concello de Cervo non aparece para nada neste asunto”.

Alfonso Villares engade que “ademais pasou tanto tempo que incluso a raíz desta sentenza non é posible ningún tipo de denuncia que se poida cursar contra o Concello porque calquera responsabilidade patrimonial que puidera haber, e que non a hai neste caso, tería que ser reclamada no primeiro ano”.

O alcalde de Cervo asegura que “non tiña que ser reclamada de ningunha das maneiras porque o Concello cando deu as licencias deunas como acto regrado que é e con todos os informes que había que pedir nese momento, e eran os informes urbanísticos nada máis. Porque por moito que intenten dicir os do Bloque Nacionalista Galego e por moito que se empeñen, e o máis lamentable de todo era que eles sendo coñecedores naqueles anos de que podía haber evidencias dun castro nesa zona, eles como responsables da Delegación de Patrimonio e Cultura da Xunta, que é a única que ten competencias neste asunto, non fixeron o que tiñan que facer, que era inventariar a zona. Inventariárona o 19 de abril do ano 2007, despois de dadas as licencias, e non na data que o Bloque Nacionalista Galega di na nota de prensa que sacou o pasado fin de semana”.

Villares di que “desde o Concello de Cervo queremos reiterar o que xa dixemos durante estes últimos días: os veciños de Cervo neste sentido nada teñen que temer porque non se pode reclamar nada ao Concello de Cervo, porque non tivo nada que facer con respecto a ese asunto. Deu as licencias porque é un acto regrado e había que dalas conforme á lei. Se non se dera licenza si que podía haber prevaricación do Concello por non dala e deuna porque esa zona non estaba inventariada; e quen a tiña que inventariar eran os responsables da Consellería de Cultura daquela que era o Bloque Nacionalista Galego. Por certo os responsables da Consellería de Cultura daquela sabían perfectamente que podía haber aí restos arqueolóxicos pero non se preocuparon nin o máis mínimo en preservar a zona”.

O alcalde de Cervo asegura que “nós agora desde o Concello de Cervo o que imos facer, e no que estamos xa traballando, é preservar a zona e rescatar o máximo posible do noso patrimonio artístico e patrimonial que temos nese lugar, como no resto do concello. Iso é ao que nos imos dedicar”.

Villares conclúe dicindo que “as declaracións que aparecen este fin de semana nos medios de comunicación por parte do Bloque Nacionalista Galego o único que evidencian é que están contrariados porque o Concello de Cervo non teña que pagar algo que a eles lles gustaría que así fose, que o Concello de Cervo, e polo tanto os veciños, tiveran que pagar por algo do que non son responsables”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive