Cervo, 21 de novembro de 2016. A corporación municipal de Cervo celebrou este luns un pleno extraordinario para aceptar a renuncia como concelleiro de José Manuel Balseiro, horas antes de que tomara posesión como novo delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo.
O alcalde, Alfonso Villares, explicou: “hoxe tivemos que facer un pleno extraordinario a primeira hora da mañá cun único punto, que era aceptar a renuncia de José Manuel Balseiro como concelleiro do Concello de Cervo. Esta proposta tiña que ser ratificada polo pleno antes de que hoxe ás doce do mediodía tomara posesión como delegado territorial da Xunta en Lugo”.
Alfonso Villares salientou que “aproveitamos na corporación para agradecerlle a José Manuel Balseiro todo o seu traballo feito desde o ano 1999 como representante dos veciños de Cervo. O feito de ser concelleiro todos os que o somos e pasamos por elo sabemos que realmente é a cousa máis agradecida dentro da política local. É un deses postos polos que eu creo que todo político tiña que ter pasado por el, porque é onde estás a carón dos veciños, e é aos veciños aos que representas e onde verdadeiramente nos damos conta da importancia e da necesidade da política real”.
O rexedor municipal declarou tamén que “ese agradecemento foi extensible por parte de todos os grupos e, como non, pola Alcaldía deste Concello, que lle agradeceu todos estes anos que levamos compartindo, tanto Balseiro como eu, dentro do grupo municipal do Partido Popular e dentro do goberno de Cervo xa desde o ano 99”.
Villares comentou que “lle regalamos unha figura institucional, a Peixeira de Cervo, que se lle está entregando a todos os concelleiros que pasan polo Concello de Cervo; e desexarlle a mellor das sortes para Balseiro nesta nova etapa que se lle abre. Unha nova etapa na que vai ser representante da Xunta dentro da provincia de Lugo para todos os concellos e na que estamos seguros todos de que vai ser para el moi importante e de que vai facer o traballo dun xeito moi profesional, como el sempre fixo”.