20 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Ribadeo asina un convenio coa Deputación para o arranxo das deficiencias do auditorio Hernán Naval

14-11-16

convisofasdfaRibadeo, 14 de novembro de 2016. O Concello asinou este luns un convenio coa Deputación de Lugo para realizar unha serie de obras de mellora no auditorio Hernán Naval fundamentalmente de tipo eléctrico e de arranxo de humidades. O custe total das obras ascende a 130.000 euros, dos que a institución provincial aporta 60.000 e o resto serán fondos propios do Concello. Os encargados da firma deste acordo foron o alcalde, Fernando Suárez, e o presidente da Deputación, Darío Campos.

Suárez Barcia comentou que “hai moitas veces, as máis delas, que facemos obras para crear algo ou para converter algo moi vello en algo totalmente novo. Pero hai outras veces, as menos pero non menos importantes, en que temos que gastar diñeiro en reparar cousas que non teñen tantos anos, pero que dan moitos problemas”.

O rexedor ribadense asegurou que “este é o caso do auditorio municipal Hernán Naval de Ribadeo, que non ten demasiados anos, pero que entendo ao noso xuízo por un deseño moi inadecuado para un lugar como Ribadeo onde chove moito, o feito de facer cubertas planas logo ocasiona goteiras, humidades, pingueiras e está bastante deteriorado, a pesar de que nos últimos anos xa temos actuado varias veces”.

Fernando Suárez explicou que “agora queremos facer unha serie de actuacións para mellorar dunha vez por todas estas deficiencias de deseño, de aí que queremos facer unha modificación da pendente da cuberta para evitar que siga filtrando a auga ao interior do edificio. Queremos arranxar tamén todos os desperfectos no interior derivados destas filtracións de auga polo tanto hai que actuar na sala principal, facer unha serie de melloras de pintura, de cambio de madeira, etc…. Tamén hai cousas das que nosoutros non somos os culpables, pero témolas que sufrir como é que temos que meter unha partida importante en materia eléctrica para regularizar o estado actual do edificio, que ten moitas carencias a nivel eléctrico. Así como poñer un xerador, algo que debía estar feito desde o principio cando se creou, pero que non consta ese xerador e custa unha chea de cartos. Temos que facer isto para seguir pasando as auditorías e para adaptarnos ás normativas vixentes”.

O rexedor subliñou que “é unha cifra importante de 130.000 euros, máis ou menos, de presuposto que grazas a que contamos cunha axuda de quen sempre nos axuda ultimamente, que é a Deputación de Lugo. Para iso asinamos hoxe un convenio por importe de 60.000 euros que vai paliar unha parte importante destes gastos. O resto terémolo que poñer de fondos propios do Concello de Ribadeo”.

O alcalde ribadense agarda que “a ver se agora dunha vez por todas, salvamos todas estas deficiencias dun auditorio que realmente é moi concorrido, está a ser moi utilizado e non pode estar por máis tempo como está”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive