15 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Continúa o ciclo de teatro afeccionado de outono en Burela con Ardora e ‘Mal social’

07-12-16

A Delegación Municipal de Cultura do Concello de Burela, continuando co ciclo de teatro afeccionado de outono, presenta ao Grupo de Teatro de San Cibrao ARDORA.

Os experimentados mariñeiros de San Cibrao aproveitaban a fosforescencia natural que na noite desprende un grupo de peixes para poder pescalos. A este brillo chámanlle ardora.

É un brillo colectivo onde os peixes contan pero ningún é imprescindible.

Ardora teatro nace pola ilusión dun grupo de mulleres que co seu esforzo e capacidade querían formar un grupo de teatro que non fora flor dun día senón que prendese como unha alternativa de expresión cultural máis dun pobo con profunda tradición creativa.

O día 6 de maio de 2007 facía a súa presentación ante o público de San Cibrao coa peza “A criada xorda”. Acadaron éxitos notables en varias localidades do concello e fora del.

No ano 2008, logo de varios meses de ensaios, estrean o 14 de xuño a súa segunda obra “Desde O Porto a San Ciprián”, a cal foi representada nos Concellos de Foz, Viveiro, Xove e nas VIII Veladas de teatro de Cervo.

No ano 2009 prepararon “Estigmas” que estrearon en xullo, con motivo da celebración das Festas Patronais de San Cibrao. No ano 2010, polas mesmas datas e mesmo motivo presentan “Nécoras verdes”.Continuaron outras moitas como “Acernos”,…

Na actualidade preséntanos a súa última produción escrita por, Francisco Piñeiro e dirixida por, Mª Paz Rodríguez e interpretado por Lidia Ramos, Adeli Fernandez, Josefa Núñez , Dolores Palmeiro, Mª Paz Rodríguez e Francisco Piñeiro: “Mal Social”.

“Mal social”, unha parodia da vida real na cal existen determinadas persoas sen fama propia que intentan medrar á conta da infamia allea sen se preocupar das nefastas consecuencias que provocan nas vidas familiares.

A función será o vindeiro venres, 9 de decembro ás 21:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Burela. A entrada libre e para tódolos públicos.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive