23 de Abril de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

20 millóns para os concellos que inclúa a eliminacións dos repartos “a dedo” é condición para que o BNG aprobe os orzamentos provinciais

11-01-17

Rolda de prensa 28-12-2016 - 4Lugo, 11 de xaneiro de 2017. Os deputados do BNG na Deputación de Lugo reafirmaron a súa proposta para a creación dun plan único de reparto de fondos entre os concellos da provincia similar ao posto en marcha nas Deputación de Coruña e Pontevedra. Os nacionalistas informaron que a creación deste plan será “condición necesaria” para o que o BNG lle dea o seu apoio ao proxecto de orzamentos provinciais do vindeiro ano 2017. Na proposta do BNG “o plan terá unha dotación económica, mínima, de 20 millóns de euros, irá dirixido a todos os concellos de menos de 20.000 habitantes e rexerase por criterios obxectivos para un reparto proporcional e transparente”.

Antonio Veiga dixo que a creación deste Plan Único irá dirixida a englobar todas as axudas da Deputación aos concellos. Xunto co actual plan de obras e servizos, que ronda os 5 millóns de euros, este plan terá unha dotación mínima será de 20 millóns de euros pois englobará tamén outros plans existentes e, sobre todo, os cartos destinados ás subvencións asignadas sen criterios obxectivos. Veiga sinalou que este novo reparto farase “respectando as condicións de poboación, ruralidade, extensión, dispersión, avellentamento, despoboamento, etc… de cada un dos municipios”.

Neste Plan Único deberíanse incluír, cando menos as seguintes liñas: o actual POS; as subvencións excepcionais; os convenios de colaboracións, os plans de cooperación con comunidades veciñais; os plans de emprego que xestiona directamente a deputación; os remanentes que se produzan ao rematar o ano 2016; o servizo de axuda no fogar (SAF); as liñas de aforro enerxético; e todas as liñas de cultura e deporte, etc.

Falta de lealdade do PSOE
“É unha falta de lealdade do PSOE coa oposición estar comprometendo partidas para os vindeiros anos sen informarnos destes convenios encubertos e mentres que teoricamente se están a negociar os novos orzamentos” dixo Xosé Ferreiro. Sinalou que “o PSOE está aprobando, a través da xunta de goberno, algunhas subvencións que inclúen partidas plurianuais e que deixan comprometidos fondos desta Deputación para anualidades vindeiras”. Para o BNG “non é normal que actúe deste xeito un goberno que está en minoría e que vai depender dos grupos da oposición para a aprobación dos orzamentos neses anos vindeiros”.

Falta de contestación á solicitude de información económica
Ao mesmo tempo, dende o BNG tamén informa que levan esperando unha información económica solicitada por escrito hai semanas, información imprescindíbel para poder perfilar a súa proposta de orzamentos. “O feito de que aínda esteamos a esperar esta información económica parece indicar que o PSOE ten pouco interese de chegar a un acordo co BNG e que, en todo caso, prefire caer en mans do PP para volver a “repartirse o pastel” ao igual que ocorreu coa aprobación dos orzamentos do 2016”, afirmou o deputado do BNG Xosé Ferreiro.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive