O Programa de Inmigrantes da Concellería de Inmigración e Cooperación de Burela vai organizar un cursiño para axudar a preparar o exame obrigatorio para adquirir a nacionalidade española. Esta acción está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo, segundo deu a coñecer esta mañá a edil Angélica Gómez.
A concelleira socialista explica que “a temática deste curso versa en torno a cinco grandes áreas: Goberno, lexislación e participación cidadá, organización territorial de España, xeografía física e política, cultura e historia de España e sociedade española”.
Angélica Gómez engade que “o cursiño ofertado terá unha duración de 50 horas e será impartido dende o 23 de xaneiro ata o 14 de febreiro en dependencias do Concello de Burela”.
As persoas interesadas en acudir poden solicitar máis información na Casa do Concello ou chamando ao teléfono 982 58 60 00.