11 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Cadernos da viaxe. Respectarmos as garantías democráticas.

09-01-17

perez_lemaNunha democracia a loita contra o crime, a loita contra o terrorismo, está suxeita a regras, ha respectar as garantías democráticas. As democracias non poden usar do maltrato fisico nin psicolóxico aos detidos e presos. Os detidos e presos seguen a ter dereitos e compre sexan tratados co respecto debido á súa dignidade de persoas. ISIS gaña cando renunciamos á liberdade por unha hipotética seguranza.

A cidadá colombiana residente en Ourense Nibia Cano botou 45 días no cárcere, incomunicada, por unha feble acusación da Fiscalía colombiana que lle deu veracidade ás acusacións dun coñecido sobre a súa suposta pertenza á organización terrorista ELN. Era unha persoa absolutamente integrada en Ourense dende hai máis de dez anos. Que necesidade había de que fose presa preventivamente? E a desproporcionalidade da incomunicación? Unha volta máis ese Tribunal de excepción, emenda á totalidade ao dereito de todos ao xuiz predeterminado pola Lei, chamado “Audiencia Nacional” non respectou a restritiva doutrina constitucional da prisión preventiva.

Hai semanas foron dous cidadáns alxerinos, detidos en Arteixo e Vimianzo cun grande despregamento de medios e publicidade, acusados de seren yihadistas. Todo ficou en auga de bacallau. Serveu, iso si, para criminalizar ao conxunto dos musulmáns. Como tamèn semella feble a acusación a nove activistas de Causa Galiza, partido que chegou ser suspendido no 2016 nas súas actividades, malia que a “Audiencia Nacional” voltou autorizalas.

En todos estes supostos a loita contra o terrorismo deu abeiro a actuacións desproporcionadas, acusacións inxustas e maltrato psicolóxico ás persoas. En todos estes supostos, a orixe das acusacións e ordes foron os Xulgados Centrais de Instrución da Audiencia Nacional. Non por acaso continuadora, fixo o día 4 40 anos, do Tribunal de Orde Pública franquista.

En democracia non todo é lícito na loita contra o terrorismo. Os prendementos han ser proporcionados e baseados nunha acusación mínimamente solvente. Queremos un Estado de dereito no que se cumpran as regras de xogo, non un Estado policial.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive