Viveiro 20-1-17. Este xoves omezaron a executarse as obras incluídas no proxecto de obra denominado “Proyecto de acondicinamiento y mejora de los viales de acceso al Casco Histórico de Viveiro”, cun orzamento de contrata de 92.928,50 euros, pertencente o Plan de Obras e Servizos 2016 da Deputación Provincial de Lugo.
As actuacións incluídas neste proxecto afectan a tres puntos concretos do Casco Histórico de Viveiro: a Praza de Lugo, a beirarrúa fronte á Estación de Autobuses e a Rúa Alonso Pérez, no tramo que vai dende a Ponte do Ferrocarril ata Verxeles.
Coas obras previstas na Praza de Lugo darase continuidade ao proxecto levado a cabo no seu momento para reorganizar o tráfico rodado, do que quedaba pendente, neste punto, a regularización da praza para garantir a fluidez do tráfico, sobre todo en épocas de máis afluencia de xente; para isto, aumentarase o radio de xiro das esquinas máis pronunciadas e aumentarase o ancho dos carrís de circulación, conseguindo, con esta actuación mellorar notablemente a circulación do tráfico rodado. Tras a finalización destas obras, só quedaría pendente a rotonda do Ecce-Homo para completar o proxecto de reorganización do tráfico rodado dentro do casco antigo.
Polo que se refire á estación de autobuses, igual que no caso anterior, dáselle continuidade a un proxecto anterior co fin de mellorar a imaxe visula e ambiental do casco histórico; neste caso, acondicionaranse as beirarrúas existentes diante da estación de autobuses ata a rotonda do centro comercial, dándolle un tratamento similar ao que no seu momento se lle deu ás beirarrúas do peiraro, da rúa Irmáns Vilar Ponte…, homoxeneizando mobiliario urbano, empedrado e zonas verdes. Esta actuación suporá un cambio notable na imaxe visual do acceso ao casco histórico vindo dende Celeiro.
Na rúa Alonso Pérez procederase á reposición da rede de saneamento e abastecemento de auga, así como á reposición de todo o pavimento do tramo afectado, que se encontraba en mal estado de conservación, estando a realizarase as xestións oportunas co fin de realizar a pavimentación íntegra do vial nunha futura actuación.
Por último e aínda que non pertencen ás obras incluídas no proxecto referido, cómpre indicar que, tras a finalización das obras da rúa Vilar Ponte, neste momento estase procedendo á dotación de mobiliario urbano: bancos e atril informativo, no que se dá a coñecer a historia de Ponte Labrada, a Porta das Angustias e o tramo de muralla existente naquela zona.
Dende o concello aproveitase para pedir disculpas á veciñanza polas molestias que estas obras poidan ocasionar e advírtese que se informará aos veciños, a través dos medios de comunicación, dos cortes de tráfico que se produzan por esta causa.
Viveiro, 20 de xaneiro de 2017.
A alcaldesa