19 de Outubro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Comunicado da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia sobre o artigo “Víctimas de su sexismo” de Manuel Molares do Val

11-01-17

A Xunta de Goberno do CPXG considera inaceptable a culpabilización das vítimas da violencia machista que Manuel Molares do Val realiza no artigo “Víctimas de su sexismo”, publicado este martes, cando menos, polo Atlántico Diario e El Correo Gallego. A pluralidade e o debate de ideas en ningún caso poden identificarse co intento de responsabilizar as mulleres asasinadas dos crimes dos seus agresores, nin poden ampararse na liberdade de expresión as graves faltas de respecto á súa memoria.

52 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas en Galicia desde 2003, 871 en toda España. Un problema de tal magnitude e gravidade só pode abordarse desde o rigor e a boa praxe profesional, ausentes neste texto, que aínda sendo un artigo de opinión, está asinado por un xornalista e publicado por periódicos de ampla difusión. Estes medios deben aclararlles aos seus lectores e lectoras se a súa liña editorial considera admisible culpabilizar persoas asasinadas da súa morte violenta e cales son os filtros editoriais que aplican aos textos que publican e dos que, polo tanto, se responsabilizan.

É urxente que os medios de comunicación asuman a súa responsabilidade na erradicación da violencia machista. O seu compromiso ten que ir alén das declaracións de boas intencións; debe evidenciarse nas informacións e textos de opinión que cada día se elaboran e publican, sen que iso supoña unha renuncia a informar con veracidade. Se os medios transmiten estereotipos sexistas, frivolizan os asasinatos e culpabilizan as vítimas, contribúen a perpetuar as causas da violencia.

O CPXG traballa actualmente na elaboración de novas recomendacións para mellorar o tratamento informativo da violencia machista e para implicar activamente os medios de comunicación galegos na loita contra o machismo. Xa en 2004 impulsou a Declaración de Compostela, que sentaba as bases para unha información non sexista e segue plenamente vixente.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

Xunta de Goberno

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive