Mondoñedo, 20 de enero de 2017.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, valora de xeito moi positivo os contactos e as reunións mantidas en FITUR, o que permitirá “seguir espallando o potencial que atesoura Mondoñedo”.
Á volta da súa visita a Madrid, a rexedora fai un balance “excepcional” do paso da localidade pola Feira Internacional de Turismo, FITUR, así como da presentación da Casa de Galicia en Madrid do informe ‘Mondoñedo, municipio para investir’.
En concreto, Elena Candia manifesta a súa satisfacción polas reunión con axencias e touroperadores, con empresas de aventura e con bloggeros de relevancia internacional. A estas reunións, sumáronse dous encontros de traballo nas que “avanzamos en proxectos moi interesantes que esperemos que vaian collendo forma nos próximos meses”, precisa.
A alcaldesa de Mondoñedo agradece a gran receptividade amosada polas axencias coa oferta que presentou a localidade na feira ao tempo que pon de relevo o interese que Mondoñedo esperta “alí onde o damos a coñecer”. Entres os atractivos que máis se valoran, engaden, está a Cova do Rei Cintolo ou os talleres de artesáns, de enorme interese para o perfil do turista que busca novas experiencias.
Por último, Elena Candia agradece o traballo levado a cabo por Turismo de Galicia e a súa colaboración para que os concellos teñan presenza en lugares tan importantes como FITUR para dar a coñecer e potenciar os destinos de interese “máis alá das nosas fronteiras”.