23 de Abril de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG de Foz urxe ao Alcalde a que presente o proxecto de humanización de Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro

03-01-17

Foz, 4 de xaneiro de 2017. O Grupo Municipal do BNG de Foz urxe á equipa de goberno a que presente ante a veciñanza o proxecto de humanización de Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro, tal e como se acordou no pleno de novembro. “Máis unha vez o Alcalde de Foz e os seus concelleiros esquecen os acordos plenarios e agóchanos no caixón”, indican nun comunicado de prensa as concelleiras nacionalistas Lorena Seivane e Teresa Rego, quen lembraron que “no pasado pleno ordinario do mes de novembro a corporación municipal de Foz acordou por unanimidade, a proposta dunha moción do BNG, presentar publicamente aos veciños, contando coa presenza dos redactores do proxecto, a proposta de humanización do espazo urbano da Avenida da Mariña e de Álvaro Cunqueiro”.

“Non é de recibo que cando as obras se atopan a piques de comezar a equipa de Goberno siga sen dar a coñecer o proxecto. A día de hoxe, tal como se puido comprobar na mesa redonda convocada polo BNG no mes de novembro e na que participaron representantes da ACIA e da Asociación de Veciños, o descoñecemento sobre o proxecto é absoluto, non só entre os veciños e veciñas afectadas, senón entre a totalidade dos axentes sociais da vila”, sinalan Teresa Rego e Lorena Seivane. As concelleiras nacionalista consideran “cando menos sospeitoso que desde o Concello se neguen a dar a coñecer un proxecto que en palabras do propio Alcalde está chamado a mudar a fisonomía urbana do Concello”.

O Bloque Nacionalista Galego entende que “esta falta de vontade por dar a coñecer o proxecto casa á perfección coa xa clásica táctica do goberno local de aprobar mocións que logo non executa, algo que o invalida como interlocutor serio, e sitúase na máis elemental falta de respecto aos veciños. Pero aínda hai máis, xa que a tan cacarexada humanización semella camiñar cara outra oportunidade perdida, na medida en que, lonxe de formular unha proposta distinta de modelo urbanístico, o que se pretende é un simple lavado de cara, lavado que lle vai custar moi caro aos veciños do Concello. A máis os aspectos básicos que unha actuación deste tipo precisa, como son un plan de mobilidade e un plan de tráfico, que recolla solucións aos problemas centrais da zona, como son a perda de pulso económico, a ausencia de prazas de aparcamento ou a dificultade de acometer actuacións que lle permitan dotala de dinamismo non existe por ningures”.

As concelleiras nacionalistas lembraron que “un eixo básico para dotar a Foz ou a calquera outra vila de espazos comerciais é a posta en marcha de espazos dotacionais e de aparcadoiros, problema recurrente nas rúas centrais nas diversas temporadas do ano. Nesta liña, formulamos unha proposta no Concello no mes de setembro, por certo tamén aprobada polo Pleno, na que solicitamos que se iniciasen os trámites para que o Concello de Foz pasase ao dominio público o inmóbel situado fronte á Casa da Cultura, coñecido popularmente polo edificio de Vialmar, e que significaría contar no centro de Foz cunha superficie de perto de 3000 metros cadrados para uso público, así como unha dotación de 362 prazas de aparcamento. Outra vez a proposta no caixón e sen vontade de executala, o que evidencia que temos un goberno que é incapaz de pensar en grande e que carece dun proxecto para Foz, máis alá dos remendos e dos parches”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive