O Grupo Municipal do BNG presentou unha moción para que o concello inicie os estudos e xestións necesarias para a tramitación e aprobación, a través da correspondente ordenanza fiscal reguladora, dunha taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica e gas.
“As sentenzas do Tribunal Supremo así o avalan”
O voceiro do BNG no concello de Mondoñedo, Eloi Cabanas, apunta que o Tribunal Supremo vén de avalar en diversas sentenzas que os concellos graven ás empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos pola utilización do dominio público local.
Segundo o portavoz nacionalista estas empresas “non pagan nada por ocupar este espazo público” e recorda que a Lei Reguladora de Facendas Locais do 2004 establece que as empresas eléctricas e de gas están obrigadas a pagar unha taxa fixada por un informe técnico-económico por atravesar o dominio público local, aínda que non o subministren.
Para o Grupo Municipal do BNG esta situación actual afecta gravemente ás arcas municipais xa que, tendo en conta as sentenzas emitidas noutros concellos, o Tribunal Supremo establece unha cota a pagar que vai desde os 3000 aos 12000 euros por metro lineal segundo o tipo de tensión, no caso das eléctricas, e no que atinxe ao transporte de gas esta cota oscila entre os 500 e os 4000 euros.
Eloi Cabanas pídelle á alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e ao Grupo Popular no concello de Mondoñedo , “que non renuncien a estes recursos e que aproben esta iniciativa”.