20 de Agosto de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Grupo Popular lémbralle ao alcalde que está obrigado por un acordo plenario a impulsar a creación da área industrial no Valadouro

04-01-17

O Valadouro, 4 de xaneiro de 2017.- O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Valadouro, José Manuel Lamela, recórdalle ao alcalde do municipio, Edmundo Maseda, que “está obrigado por un acordo plenario a impulsar a creación da área industrial na localidade” e máis, engade o popular, “se temos en conta que existe demanda suficiente e estamos ante unha iniciativa de especial necesidade e importancia para a vila, que implicaría a dinamización económica e empresarial do Valadouro e a xeración de postos de traballo”.

Lamela lémbralle tamén ao rexedor que “neste asunto de relevancia para o concello está en minoría” xa que mesmo os seus socios de Goberno –o BNG- apoian a proposta do Partido Popular. “A posición belixerante do alcalde é incomprensible para o seu socio do Goberno, que se sumou a moción que presentamos dende o Grupo Municipal Popular”, reforza. Así, o voceiro municipal esíxelle a Maseda que deixe de ser “un obstáculo” para a creación de oportunidades de emprego e a atracción de empresas.

Plena legalidade da modificación urbanística proposta polo PP
No que refire á modificación das normas para adaptar a consideración urbanística destas parcelas adquiridas por particulares á natureza do futuro uso; José Manuel Lamela insiste na plena legalidade da modificación urbanística proposta polo PP que busca axustar a situación real do solo ao seu futuro uso industrial.

Incluso, o voceiro dos populares indica que coas súas declaracións o alcalde “contradise, xa que, mentres, por un lado, asegura que é ilegal recalificar os terreos recentemente comprados polos particulares, e que cambiaron de titularidade nos últimos anos; por outro lado, ofrece uns terreos que aínda non mercou e que, polo tanto, tamén sufrirán un cambio de titularidade”. “Non somos expertos en leis pero sabemos que a modificación das normas é perfectamente viable se hai vontade e interese político en crear á area industrial”, expón.

“É responsabilidade do alcalde dotar ao municipio de solo en calidade e cantidade suficiente para que poida ser aproveitado por empresas e autónomos para desenvolver os seus proxectos industriais capaces de xerar riqueza e novas oportunidades na localidade”, expón de novo o popular, quen lamenta que teña que ser a iniciativa privada a que “supla a falta de resposta do rexedor ante a necesidade de crear solo industrial”.

Ante esta situación, José Manuel Lamela pídelle a Edmundo Maseda que deixe de enganar aos veciños. “O alcalde foi incapaz de impulsar o polígono e a súa única actuación foi a da colocación de estacas en vésperas das eleccións, que por certo, foron retiradas á semana seguinte”. Ademais, neste eido, conclúe o popular, “Maseda debería explicar se os terreos que pretende adquirir son os mesmos cos que xogou cos veciños a quitar e poñer estacas”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive