27 de Febreiro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O luns da comezo unha nova andaina do programa de actividades de lecer en nove parroquias ribadenses, que chega por primeira vez a Cedofeita, Vilaselán e Couxela

11-01-17

Ribadeo, 11 de xaneiro de 2017. O vindeiro luns, 16 de xaneiro, comeza unha nova andaina do programa de actividades de lecer nas parroquias de Ribadeo Aquí… coma de 20!, que chega por primeira vez a Cedofeita, Vilaselán e Couxela.

Segundo explican desde a Concellaría de Igualdade “con este novo ano comeza unha nova andaina deste programa Aquí… coma de 20!, que iniciabamos no 2013 coma unha proposta piloto e que se foi consolidando neste anos coma unha alternativa de lecer necesaria para o núcleo rural de Ribadeo. O claro aumento na participación e o nivel de satisfacción acadado polas persoas que asisten que asisten ás actividades do programa lévanos a ampliar o abano de parroquias. Vaise ofertar a actividade por primeira vez en Cedofeita, Vilaselán e Couxela. Un total de nove parroquias se suman xa ás tardes de lecer coa incorporación destas tres novas e o mantemento nas de Vilela, Remourelle, Rinlo, Cinxe, As Anzas, Santalla de Vlilaosende”.

E engaden que “as actividades que se desenvolven nas tardes de lecer teñen como finalidade manter ás persoas activas ao mesmo tempo que fortalecen as relacións interpersoais. Son totalmente gratuítas e toda aquela persoa que estea interesada en participar no programa de actividades non ten máis que pasarse pola escola unitaria da parroquia na que quere comezar.

Haberá tardes de lecer os luns en Vilela de 16 a 18 horas e en Remourelle de 18:30 a 20:30 horas; os martes en Cedofeita de 16 a 18 horas e en Vilaselán de 18:30 a 20:30 horas; os mércores en Rinlo de 16 a 18 horas; os xoves en Cinxe de 16 a 18 horas e nas Anzas de 18:30 a 20:30 horas; e os venres en Santalla de 16 a 18 horas e en Couxela de 18:30 a 20:30 horas.

Desde a Concellaría de Igualdade anuncian que “este 2017 virá con algunha que outra sorpresa, con actividades complementarias ao que estabamos acostumad@s a facer e que agardamos que sexa do agrado de tod@s. Agardamos que se animen a participar e a compartir uns bos intres cos veciños e veciñas”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive