20 de Agosto de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP consigue o apoio do BNG para obrigar ao Alcalde a impulsar unha gran área industrial no Valadouro

03-01-17

O Valadouro, 3 de xaneiro de 2017.- O Partido Popular do Valadouro conseguiu o apoio do BNG no último pleno municipal e, deste xeito, sacar adiante a moción que defendían e na que se obriga ao Alcalde a impulsar unha grande área industrial no municipio.

Na última sesión plenaria materializouse unha quebra no goberno municipal ao quedar en evidencia un notable desacordo entre os socios do actual bipartito, que manteñen posicións encontradas sobre un asunto esencial para o futuro do Valadouro.

O voceiro municipal do Partido Popular, José Manuel Lamela, valora o acto de valentía dos nacionalistas que, foron quen de antepoñer os intereses dos veciños, sen importarlles deixar en minoría ao PSOE e insiste na importancia de que se respecte este acordo plenario.

Os populares toman a iniciativa ante a parálise do Alcalde, tras observar que o Goberno municipal amosou ao longo destes últimos tres anos a súa total incapacidade para dotar de solo industrial ao municipio, a pesar das múltiples promesas efectuadas neste sentido e da existencia de demanda suficiente.

Desde o PP lembran que tivo que ser a iniciativa privada dun grupo de empresarios os que se fixeran con terreo dispoñible para desenvolver os seus proxectos industriais pero agora precisan adaptar a consideración urbanística destas parcelas á natureza do futuro uso, neste caso, a través da modificación puntual das normas subsidiarias. Precisamente o acordo plenario obriga ao alcalde a impulsar este trámite.

“O Concello -insiste o presidente popular- está obrigado a liderar as accións tendentes a crear estas oportunidades e a impulsar a modificación urbanística descrita que permitiría crear este espazo industrial”Lamela considera que Edmundo Maseda non pode seguir facendo oídos xordos as demandas que formulan os empresarios, e as persoas sen traballo do municipio que aspiran a atopar un emprego.

“Defendemos a necesidade que ten o municipio de O Valadouro de dispoñer de solo en calidade e cantidade suficiente para que poida ser aproveitado por empresas e autónomos para desenvolver os seus proxectos industriais capaces de xerar riqueza e novas oportunidades emprego nesta localidade para os seus veciños”, conclúe Lamela.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive