19 de Outubro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Balseiro asegura que o transporte público interurbano está garantido e que a Xunta contará con todos os municipios para mellorar o servizo

17-02-17

Lugo, 16 de febreiro de 2017.- A Xunta está a traballar para reorganizar e modernizar integramente o mapa de transporte regular por estrada en toda Galicia e neste proceso quere contar coa opinión de todos os municipios afectados.

Así llo trasladou o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, aos representantes dunha vintena de concellos lucense cos que se reuniu hoxe na Delegación Territorial e na que se tratou, entre outros asuntos, a situación que se abre despois de que a empresa Arriva anunciara a súa intención de renunciar a unha das liñas de transporte público da provincia, entre A Mariña e a capital.

En primeiro lugar, Balseiro afirmou que a continuidade deste servizo está plenamente garantido e que a Xunta aproveitará esta oportunidade para mellorar a mobilidade dos veciños e veciñas dos municipios afectados.

O delegado explicou que se trata da liña entre A Coruña e Viveiro que pasa por Lugo e Ribadeo, e indicou que a actual adxudicataria ten que prestar o servizo ata agosto e para entón a Xunta terá adxudicado un novo contrato. “Por elo estamos estudando, coa participación de todos os concellos, a maneira de que este servizo se preste mellor, dun xeito racional, optimizando os recursos e ofrecendo a maior cobertura posible”, asegurou Balseiro.

Neste sentido, lembrou que a Xunta destina á elaboración do novo plan de transporte público de Galicia e aos seus estudos previos 2,5 millóns de euros, e explicou que a reordenación constará de dúas fases e estará xa plenamente implantada a principios de 2020.

“Loxicamente -apuntou- neste proceso de reestruturación priorizaranse aquelas rutas cuxas concesións deixarán de estar en vigor no mes de agosto”. A normativa actual contempla a adxudicación directa deste servizo e incluso a prórroga provisional das actuais liñas na súa integridade, se fora preciso.

A Xunta licitou por 1.025.000 euros seis estudos previos da situación do transporte en seis zonas, entre elas Lugo Norte e Lugo Centro.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten en marcha un estudo en profundidade que analiza a realidade territorial e as necesidades de mobilidade de poboación en cada zona, para o que entregou a todos os concellos afectados un cuestionario no que se pretende recoller e coñecer a fondo as súas necesidades.

O delegado aclarou que a actual situación ven derivada da sentenza do Tribunal Supremo que o ano pasado anulaba as prórrogas ás concesións do transporte, tras da cal aprobouse unha lei urxente para manter o servizo deixando ás empresas a oportunidade de renunciar. Arriva foi unha das que se acolleu a este dereito.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive