O Valadouro, 20 de febreiro de 2017. “Queremos reunir a todos os grupos políticos da corporación municipal, xunto cos empresarios demandantes de solo, co obxecto de clarificar as diferentes posturas e vindeiras actuacións”. Así o manifestou o seu portavoz e tenente alcalde, Eduardo Chao.
Para os nacionalistas, que O Valadouro dispoña dun polígono industrial é vital e urxente para este concello, e recordan que foi o BNG cando tivo responsabilidades de goberno na Xunta quen puxo enriba da mesa o primeiro proxecto ao respecto que contemplaba un polígono para os dous concellos (Alfoz e Valadouro), proxecto que sufriu os primeiros atrancos unha vez que o Partido Popular accedeu ao goberno da Xunta, e neste sentido tamén recordan que á incompetencia e pasividade do PP no Valadouro sumouse o concello de Alfoz (no ano 2009, gobernado polo PP) coas súas alegacións para impedir a continuidade do proxecto.
O BNG dílle ao PP que polo menos non obstaculice, xa que a Xunta non vai poñer cartos para o Polígono Industrial.
Para o BNG urxe tomar unha decisión a respecto da ubicación do polígono.”Barallábanse diversas opcións, condicionadas tamén polos coste de cada unha delas, pero en ningunha se contemplaba aportación económica algunha por parte da Xunta, que si o fixo noutros concellos, o que debe facer reflexionar ao PP do Valadouro a respecto do papel que está xogando, que non é nin mais nin menos que actuar ao servizo dos intereses partidarios dos seus xefes, tratando de boicotear unha vez mais a consecución da área industrial”, afirmou o portavoz nacionalista. Desde o BNG insisten na falta de lealdade e de seriedade do PP e neste sentido recordan que o actual portavoz popular, José Manuel Lamelas comprometérase no 2011 sendo alcalde, a desbloquear o polígono no prazo dun ano, pois esta era a condición que daquela o BNG lle puxera á hora de apoiar a súa dedicación exclusiva como alcalde.
O BNG apoiará a proposta daqueles terreos que cumplan as condicións urbanísticas esixidas, no prazo mais corto posible e co mínimo coste para os veciños do Valadouro, dado que xa vai ser o Concello quen asuma na súa totalidade o financiamento.
Despois da reunión celebrada en días pasados entre representantes da Xunta e o Concello do Valadouro, á que asistiron o seu alcalde e o tenente alcalde nacionalista Eduardo Chao, este propón analizar a resposta dada pola Xunta, e contrastala cos demandantes de solo, e nese sentido manifestou:“Agora mesmo hai unha proposta da alcaldía de adquirir uns terreos na zona comprendida entre o campo de fútbol e a zona do Os Casás, terreos que agora mesmo teñen a calificación de rústicos e habería que reconvertilos a urbanizable, o que podería atrasar aínda mais o inicio da execución do polígono, retraso que o BNG quere evitar a toda costa, por eso propoñemos poñer enriba da mesa todas as posibles ubicacións e analizalas entre todos os grupos políticos, e os demandantes de solo industrial. Nós defenderemos a proposta daqueles terreos que cumplan coas condicións urbanísticas esixidas ou que estean en condicións de acadalas no menor espazo de tempo e co menor custe económico posible, dado que xa vai ter que ser o concello a única institución que vai asumir o coste integro da execución do polígono”.