21 de Febreiro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PSdeG resposta ao BNG sobre a moción de municipalización da auga: “Excusatio non petita acusatio manifesta”

15-02-17

Foz a 15-02-2017.- “Excusatio non petita acusatio manifesta”, así cualificamos dende o PSdeG-PSOE de Foz a moción presentada polo BNG para municipalizar o servizo de auga e depuración en Foz. Unha escusa, para xustificar a votación en contra xunto co PP, da moción presentada fai escasamente un mes polo grupo municipal socialista para a creación de unha mesa da auga para estudar esa posibilidade.

Unha broma pesada ou tomadura de pelo, pois tiveron a oportunidade de iniciar este proceso votando a favor da proposta do grupo socialista. As concelleiras do BNG unicamente pretenden non quedar retratadas durante todo o mandato, por facer “pinza” votando co PP, en contra de unha municipalización que moitas veces reivindicaron.

Compre recordar que non é a única vez que votaron conxuntamente co PP, así o fixeron cando votaron en contra de baixar a contribución aos veciños de Foz, cando votaron para trasladar a recadación en voluntaria e executiva á Deputación, no convenio con Sogama cando meses antes estaban en contra ou no tema da residencia de maiores, cunha posición mimética a do PP, ao defender que sexa Mensajeros de la Paz quen se faga coa súa xestión “a dedo” contrariando a súa posición ideolóxica.

Lamentamos a súa andadura errática durante esta etapa e a miopía institucional da que fan gala, e esta moción é unha proba mais. Cando os outros grupos da oposición presentan mocións similares ás súas afirman que lles copiamos e, en moitos casos, consideran que certos temas son da súa exclusiva competencia como por exemplo o mal funcionamento do centro de saúde ou a humanización da Avda da Mariña e Álvaro Cunqueiro.

Acúsannos de lavar a cara, se iso fose certo, o PSOE mantería unha posición mais discreta no tema deixando facer ao resto da corporación, pero abordamos con seriedade e responsabilidade os temas importantes que nos toca solucionar neste mandato, PXOM, depuradora, IBI, municipalización da auga…
Non obstante alegrámonos do seu arrepentimento. Non sabemos si é que recibiron “un tirón de orellas” pero, recomendámoslles, que deixen de xogar ao ping-pong e si queren realmente traballar de cara a unha municipalización do servizo da auga, poñámonos “mans á obra” para abordar todos os aspectos que engloba unha municipalización, como a bo seguro xa saben.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive