20 de Agosto de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Real Club Náutico de Ribadeo perdeu outra demanda presentada contra a anterior directiva presidida por Mario Coto, que pide a convocatoria dunha asemblea extraordinaria para dar conta de todos os procesos xudiciais nos que está inmersa a entidade

17-02-17

Ribadeo, 17 de febreiro de 2017. O Real Club Náutico de Ribadeo perdeu outra demanda presentada contra a anterior directiva presidida por Mario Coto. O que fora presidente do RCNR pide a convocatoria dunha asemblea extraordinaria para dar conta aos socios de todos os procesos xudiciais nos que está inmersa a entidade.

O proceso deu comezo hai tres anos cando a actual directiva decidiu mediante expediente disciplinario suspender temporalmente como socio ao demandado, Virgilio López Rico, durante un período de tres anos así como a obriga de indemnizar ao RCNR con 5.350 euros. Este caso foi levado aos xulgados por parte de Virgilio López Rico, ex tesoureiro da entidade cando Mario Coto era o presidente, entre os anos 2009 e 2012, solicitando a suspensión das medidas cautelares impostas no seu día polo RCNR.

Tras o paso de todo este caso polos tribunais, tanto polo xulgado de Mondoñedo como pola Audiencia Provincial de Lugo, as partes foron convocadas a unha vista que se celebrou o pasado 7 de febreiro na Cidade Epicospal por unha demanda que interpuxo o RCNR contra Virgilio López Rico para reclamar xa o pago dos 5.350 euros. E o xulgado de instrución nº 2 de Mondoñedo decidiu suspender o procedemento iniciado contra Virgilio López Rico, “en tanto no recaiga resolución firme que ponga término al Juicio Ordinario 172/14 que se sigue ante el Juzgado de Primeira Instancia nº 1 de Mondoñedo, o se encuentre paralizado por causa que impida su normal continuación”.

Desde a antiga directiva do RCNR lembran que xa a finais do pasado mes de xaneiro o Tribunal Supremo deulle a razón ao ex secretario do Real Club Náutico de Ribadeo, Fernando Vázquez Orge, e condenou á entidade a facerse cargo das costas do proceso xudicial iniciado hai tres anos. O Supremo desestimou o recurso de casación interposto polo RCNR contra a sentencia ditada pola Audiencia Provincial de Lugo en xaneiro do pasado ano e impúxolle ao recorrente “las costas del recurso de casación que desestimamos, así como la pérdida del depósito constituido”.

O que fora presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Mario Coto, e compañeiro de Fernando Vázquez na anterior directiva, aseguraba que “esta sentencia, que lle dá a razón ao ex secretario do RCNR, ven confirmar o que nosoutros sempre dixemos: que non roubamos nada e que non fixemos nada grave na entidade, algo que estes señores nos quixeron imputar”.

Agora Mario Coto asegura que acolle esta resolución “con moita alegría e, por outro lado, síntome mal porque estamos metidos nunha vorágine de xuízos e demandas no Club Náutico, algo que non debía ter sucedido, pero a veces a inquina, a envexa e o rancor dalgunhas persoas lévaos a mentir, pois así se está demostrando que é mentira todo o que dixeron o presidente e a súa directiva. E por iso agora estamos nun proceso que non debe gustarlle a ninguén”.

Coto sinala que “a min, que son unha persoa prexudicada por terme sacado a min e aos meus compañeiros nos medios de comunicación dicindo que levara, que faltaba non sei que do Club, teño que recoñecer que non me sentou ben. Pero aparte de que non nos sentara ben nin a min nin aos meus compañeiros nosoutros temos unhas familias, que se resenten con estas cousas. Tamén é verdade que outros, ao mellor, ás súas familias nin as valoran nin lles fan caso. Eu e os meus compañeiros valorámolas moito”.

Finalmente Mario Coto esíxelle ao presidente do Club Náutico de Ribadeo e a súa directiva que “convoque inmediatamente unha asemblea extraordinaria, que nesa convocatoria lles explique aos socios porque se fai esa asemblea para que saiban no que estamos metidos, porque isto está custando un montón de diñeiro. E como eu son socio do Club véxome, outra vez máis, prexudicado, porque vou ter aportar para todos estes xuízos que viñeron a raíz de mentiras innecesarias”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive