21 de Setembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Patacas Podres

15-02-17

Gráfico1O pasado martes á noite varios membros da Dirección Xeral de Agricultura convocaron en Xove un acto informativo sobre a couza da pataca. Despois do espectáculo que deron tanto o Alcalde de Xove coma o Delegado da Xunta na provincia de Lugo, Salgueiro & Balseiro, eu quedei peor do que estaba. Todo o que fixeron foi encerrarse na área pequena e botar balóns fóra dicindo que a normativa vén da Unión Europea e do Goberno español.

Nin quixeron, nin queren, nin van querer tratar o tema con seriedade, xa que unha vez se prohiba a plantación de pataca na comarca polo Ministerio de Agricultura (e todos os técnicos indican que así vai ser), a Xunta de Galicia, dentro das súas competencias, terá que ratificar a decisión española. Ou non. Polo tanto, que facemos? Mercamos a pataca da semente? Deixamos as leiras a barbeito?
Pero para tomar decisións de fondo calado político hai que mollarse e asumir as responsabilidades sen medo. Así a todo, sempre é máis doado botarlle a culpa ao Ministerio, que Madrid queda moi lonxe. Aínda que veñan sendo os mesmos.

Non aclararon nada sobre que tipo de indemnizacións se aprobarán para os produtores. Nin se van pagar as patacas xa mercadas para sementar. Nin se existe perigo de que se dispare o prezo da pataca para os consumidores finais. Nin canto tempo estará prohibido plantar… Canto tempo? Pero se tampouco aclararon se o van prohibir!

A min xórdenme varias dúbidas máis: se nas Illas Canarias levan máis de 15 anos coa praga, como é que aló non deron acabado con ela? Como é que nas Canarias non prohibiron plantar, se desa maneira se remata coa couza?

E mentres tanto que fai a Xunta? Recomendar. Non fai outra cousa que “recomendar” que non se plante. Canto botamos en falta a don Antonio Oca, veciño da Rigueira e nacionalista, que foi Director Xeral de Produción Agroalimentaria cando en Galiza había Goberno.

Carlos Fernández Louzao. Concelleiro do BNG de Xove

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive