29 de Marzo de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta apoiou aos Consellos Reguladores da provincia con máis de medio millón de euros para “consolidar a industria agroalimentaria baseada na calidade”

20-03-17

Lugo, 20 de marzo 2017.- A Consellería do Medio Rural apoiou aos consellos reguladores da provincia con axudas que sumaron máis de 557.000 euros o pasado ano para “consolidar a industria agroalimentaria baseada na calidade”.

Así o expuxo hoxe o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, nunha xuntanza de traballo que mantivo con representantes das sete denominacións e indicacións xeográficas protexidas con sede en Lugo.

Balseiro convocou aos responsables do Consello Regulador Agricultura Ecolóxica de Galicia, José Antonio Fernández; da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez; da Denominación de Orixe Protexida do Queixo San Simón da Costa, Daniel Pérez; da Denominación de Orixe Protexida do Queixo do Cebreiro, Enrique Fernández; da Indicación Xeográfica Protexida Pemento de Mougán, José Luis López; a Indicación Xeográfica Protexida da Faba de Lourenzá, Gema Iglesias; e a Indicación Xeográfica Protexida do Lacón Galego, Abel Yáñez.

O delegado destacou o labor que realizan estas entidades na protección dos produtos que representan, velando por que se respecten a calidade das materias primas e os métodos tradicionais de elaboración para, en definitiva, engadir valor, gañar en competitividade e procurar maior rendemento económico e social para o territorio no que se asentan.

Na xuntanza, os participantes valoraron as liñas de cooperación da Administración autonómica cos consellos reguladores, dado que a Xunta desenvolve accións tanto de control do produto como de promoción e difusión, ou mesmo de investigación e protección da calidade diferencial dos produtos amparados por indicativos de calidade.

Programas de axuda
A Consellería do Medio Rural desenvolve diversos programas de colaboración cos consellos reguladores. Así, xa está en marcha a orde de subvencións para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores das denominacións de calidade agroalimentaria, que no último exercicio supuxo un orzamento de 72.102 euros para Lugo. Do mesmo xeito, proximamente publicará a liña de axudas para gastos de funcionamento, que distribuíu 137.261 euros entre as entidades citadas na pasada convocatoria.

Igualmente, a Consellería mantén unha terceira liña de apoio, neste caso dirixida tanto aos consellos reguladores como ás entidades asociativas sen ánimo de lucro en que participan produtores implicados nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos. En base a este programa, os consellos reguladores recibiron o pasado ano 348.153 euros.

Pero ademais, recibiron axuda ao abeiro desta convocatoria a Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa (21.013 euros) e o Clúster de alimentación ecolóxica de Galicia (28.774 euros).

Balseiro escoitou ao sector e amosou a disposición da Xunta para seguir traballando pola defensa destes produtos “que representan a calidade alimentaria galega”.

Para concluír, o delegado engadiu que “as denominacións de calidade apuntalan o noso sector agroalimentario: propician a organización e traballo integrado dos produtores e o xurdimento de industrias de transformación, e favorecen o dinamismo da zona e a xeración de riqueza”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive