23 de Xuño de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Campos Conde garante aos pensionistas lucenses prazas duns 500 euros nas residencias da Deputación sen contar coa colaboración da Xunta

09-03-17

_AVA9442Lugo, 7 de marzo de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo este mércores un encontro co Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no que Campos Conde lle trasladou 12 retos e 300.000 oportunidades para a provincia de Lugo. No encontro, que se prolongou preto de 3 horas, tamén participaron o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda Valenzuela.

RETO 1.- Colaboración para ofrecer aos lucenses prazas públicas e de acceso universal nos centros de maiores públicos da Deputación. Campos Conde propuxo a Núñez Feijóo un convenio de colaboración entre Deputación de Lugo e Xunta de Galicia para financiar ao 50% as 150 prazas de residencia e as 100 en centros de día, que se corresponden coas dos centros de maiores da Fonsagrada, Castroverde, Trabada, Pol e Pedrafita do Cebreiro cuxas obras están rematadas ou a piques de facelo, no caso do centro da Montaña, e á espera dos Permiso de Inicio de Actividade da Xunta para poder abrilos.

O Presidente da Deputación explicoulle que un convenio garante que sexan os lucenses os usuarios de ditos centros de maiores, construídos con cartos públicos dos mesmos, precisamente, para ofrecerlles un servizo necesario nos seus Concellos do que non dispoñen. Campos Conde tamén lle expuxo que esta fórmula de colaboración, que as administracións públicas empregan todos os días, é máis económica que a concertación que ofrece a Xunta. Deste xeito, deulle conta polo miúdo dos cálculos técnicos realizados pola Deputación, e que son os seguintes:

O custo da praza de residencia é de 1.100 euros e o da de centro de día de 600 euros. Polo tanto, o custo do servizo sería:

1.100 x 150 prazas de residencia x 12 meses= 1.980.000 euros.
600 x 100 prazas de centro de día x 12 meses= 720.000 euros
CUSTO TOTAL DA PRESTACIÓN DESTE SERVIZO=2.700.000 euros

Campos Conde propuxo a Núñez Feijóo un modelo no que un lucense cunha pensión media de 600 euros nunca pagase máis do 80% dos seus ingresos, excluíndo as pagas extraordinarias. Isto suporía que o prezo da praza de residencia se situaría nos 480 euros e o da de centro de día nos 300 euros.

150 prazas de residencia x 480 euros x 12 meses= 864.000 euros
100 prazas de centro de día x 300 euros x 12 meses= 360.000 euros
CUSTO TOTAL DA PRESTACIÓN DESTE SERVIZO PARA OS USUARIOS= 1.224.000 EUROS

Con estes cálculos, Deputación e Xunta de Galicia terían que achegar un total de 1.476.000 euros ao 50%, que supoñen 738.000 euros anuais por cada administración. (2.700.000 DA PRESTACIÓN DO SERVIZO – 1.224.000 DOS USARIOS = 1.476.000 /2= 738.000 euros).

Núñez Feijóo, que recoñeceu que este modelo é máis económico que o da concertación de prazas, opúxose a asinar un convenio de colaboración para executalo. O Presidente da Xunta defendeu a concorrencia de prazas e propuxo facelo dende Deputación ou SUPLUSA.

Ante esta situación, Campos Conde garantiu que a Deputación ofrecerá prazas aos lucenses con prezos accesibles, que non superen os 500 euros no caso das residencias para os maiores da provincia coas pensións máis baixas, e asegurou que o organismo provincial só irá ao concurso no caso de quedaren prazas libres.

RETO 2.- Cumprimento da obriga legal da Xunta de co-financiar xunto á Deputación o SAF tal e como ditou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e ratificou o Tribunal Supremo. Feijóo tamén se opuxo a cumprir coa sentenza do TSXG, que desenvolve o Decreto da Xunta. A día de hoxe a Deputación financia ao 100% o SAF nos Concellos de menos de 20.000 habitantes con 1,5 millóns de euros, ofrecendo esta prestación a máis de 1.800 lucenses.

RETO 3.- Equiparar os salarios dos bombeiros dos parques da provincia de Lugo aos de Ourense e prestar servizo contra-incendios ao 100% do territorio lugués a través do Consorcio Provincial de Bombeiros. Deputación de Lugo e Xunta de Galicia asumen ao 50% o Consorcio Provincial de Bombeiros. Cumprindo cos 120 profesionais que ofrecen esta prestación na provincia de Lugo, Campos Conde incrementou en 330.000 euros a partida correspondente do Orzamento da Deputación de 2017 para poder equiparar os salarios destes profesionais aos dos bombeiros de Ourense. Trátase dunha proposta que apoiaron todas as formacións políticas da Deputación de Lugo. Feijóo e Rueda non teñen previsto achegar os outros 330.000 euros que lle corresponden á Xunta de Galicia para facer isto unha realidade.

RETO 4.- Traballo conxunto para converter á provincia de Lugo nun destino turístico de referencia no país. Feijóo tamén defendeu o traballo conxunto de Xunta e Deputación de Lugo logo de que durante os últimos días o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo convocase reunións sen contar coa Deputación, administración que sí convocou á Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para ser un dos 20 expertos a ter en conta na elaboración do Plan Extratéxico de Turismo da Deputación de Lugo.

RETO 5.- Retomar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade que impulsou a Deputación de Lugo xunto á de Ourense coa colaboración do Consorcio da Ribeira Sacra e o Valedor do Pobo. Feijóo comprometeuse a retomar esta candidatura, que paralizou a Consellería de Cultura, alegando diferencias técnicas.

6.- Executar o Corredor da Costa Norte de acordo coas demandas dos veciños para compensar aos máis de 80.000 mariñáns por privalos da transcantábrica. Campos defendeu esta infraestrutura “vital para a Mariña, Comarca que resiste, pois acolle empresas como Alcoa e conta cun sector pesqueiro que multiplica por seis a súa contribución media a Galicia con respecto a outras zonas, a pesar da marxinación viaria”.

RETO 7.- Executar a Ronda Leste como principal acceso viario ao HULA dende distintos puntos da provincia.

RETO 8.- AVE a Galicia no 2019, AVE a Lugo no 2019. Retomar o proxecto da Intermodal anulado no 2012 e o Pacto do Obradoiro. Dotar a Lugo do mesmo servizo ferroviario de cercanías que o resto de provincias galegas. Campos Conde dixo sobre este punto que “viñemos como fomos”.

RETO 9.- Executar a obra de acceso do Porto Seco á N-120 e dotalo dos medios necesarios para o seu funcionamento a través dun operador loxístico. Feijóo asegurou que non se podía investir no Porto Seco cando non existía interés empresarial.

RETO 10.- Dotar á provincia de Lugo do servizo de Hemodinámica as 24 horas, cumprindo coa ILP que asinaron 41.000 veciños; e recuperar as áreas sanitarias propias da Mariña e de Monforte de Lemos. Feijóo considera que na provincia de Lugo “non é necesaria” Hemodinámica as 24 horas.

RETO 11.- Posta en marcha de plans de actuación intercomunitarios, coa colaboración do Principado de Asturias, para erradicar as pragas da couza da pataca e da vespa velutina. Feijóo entende que xa está todo feito ao respecto da praga da couza da pataca. Sobre a vespa velutina dixo que hai que convivir con ela.

RETO 12.- Posta a disposición da Xunta de terreos dos polígonos da Deputación para a instalación de industrias de transformación láctea no marco dun necesario Plan de Industrialización que impulse o sector gandeiro.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive