16 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Con Pólvora e Magnolias, “A psicose do Tribunal Supremo”

16-03-17

pablo-alvarez-ramosQue a opinión pública perdeu a confianza na xustiza é un feito notorio no que me gustaría afondar dende outra perspectiva que non fora a tradicional queixa sobre as súas dúas velocidades: a do pobre e a do rico.

Tópicos, lugares comúns e expresións trilladas que semellan ter máis valor segundo cal sexa a boca que as pronuncia, presente queda aquela manifestación de Carlos Lesmes, presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo que afirmaba, non hai moito tempo, que a lei procesual estaba feita para o “roubagaliñas” e non para o gran defraudador.

Habería que ver agora que valor teñen estas declaración feitas pola máxima autoridade xudicial española e en que lugar quedamos despois das mesmas.

Nestes días de borrasca voltamos a vivir un episodio de psicose xudicial representado no Tribunal Supremo; así o alto tribunal di que serán válidas aquelas cláusulas de chan das hipotecas que foran negociadas individualmente, dando resposta ao recurso de casación exposto pola Caixa Rural de Teruel.

A cuestión a analizar é que sentido ten dito pronunciamento e como pode compatibilizarse co criterio mantido ata o de agora.

Quixera resaltar que xa o propio Tribunal Supremo –pola vía da arquicoñecida sentencia do 9 de maio de 2013, en relación coas cláusulas solo- determinou que o contido dunha hipoteca nunca podería ser negociado individualmente. Era  por tanto o modelo por antonomasia de contratación seriada.

A contratación seriada é aquela na que se lle oferta ao consumidor un conxunto de condicións que teñen que ser asumidas como un pack, que non poden ser negociadas individualmente, que se corresponden coa doutrina anglosaxoa de “ou o tomas ou o deixas –take it or leave it-.”

Pensemos en moitos dos contratos de subministro eléctrico, de telefonía, de produtos bancarios… De seguro a meirande parte obedecerá a esta forma de contratación por adhesión.

En ningún deles se negocian as súas estipulacións de forma individualizada e a validez do seu contido quedaría condicionada pola transparencia no proceso de subscrición. A cuestión é que agora, cando xa se consolidou o criterio de que as hipotecas son contratación seriada o único que se podería valorar de xeito individualizado é a comprensibilidade no momento da súa contratación.

O tema que  nos ocupa nestes intres é que está a pasar co Tribunal Supremo, cal é o motivo do seu constante cambio de criterio e en que medida estamos a pagar todo isto.

Non nós podemos permitir ir sempre ó rebufo de Europa en materia xudicial, non podemos dicir un día unha cousa e logo a contraria, non podemos limitar a retroactividade en base a criterios macro-económicos…

Merecemos unha xustiza eficaz, seguridade xurídica e un espazo no que se poida contemplar a igualdade ante a lei. No caso contrario seguiremos tendo un ordenamento xurídico que castigue ao delincuente social e que garantice a impunidade do defraudador.

 

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive