26 de Setembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Conde sinala no coworking de Mondoñedo que os emprendedores son o motor do cambio do tecido empresarial galego

09-03-17

Mondoñedo (Lugo), 9 de marzo de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe no espazo coworking de Mondoñedo que os emprendedores son o motor do cambio do tecido empresarial galego. Conde participou na localidade lucense no Demoday no que se presentaron os 16 proxectos desenvoltos por unha vintena de empredendores que participaron na aceleradora, centrados en eidos como o turismo sostible, a construción, as TIC, o comercio, o deseño ou a moda.

O espazo coworking en Mondoñedo é un dos sete que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Escuela de Organización Industrial (EOI), puxo en marcha o ano pasado para ser a lanzadeira en Galicia de 139 emprendedoras e emprendedoras, que presentaron un total de 119 proxectos. O prazo da segunda convocatoria desta iniciativa xa está aberto, e poderán presentar a súa solicitude aquelas persoas que queiran beneficiarse deste programa de asesoramento.

Tal e como sinalou Conde, os espazos coworking forman parte dunha rede de aceleradoras que se entende por toda Galicia e na que a Xunta leva investidos 12 millóns de euros para impulsar máis de 500 proxectos nos últimos catro anos. Nesta rede de aceleradoras destacan iniciativas como Agrobiotech, con base en Lugo e Ourense; Vía Galicia, con sede tamén na provincia; ou a Business Factory Auto.

Conde fixo fincapé así mesmo en que a aceleradora de Mondoñedo é un claro exemplo de que no rural tamén existen oportunidades de emprendemento. Isto estase a fomentar co programa Galicia Rural Emprende, co que se activan axudas de ata 70.000 euros para a creación de empresas fóra do sector agrícola; aumentando nun 25% os incentivos á contratación para as empresas deste ámbito territorial; e a través de obradoiros de emprego e cursos para incentivar a formación en sectores como o forestal, coa colaboración dos concellos, entre outras iniciativas.

Salientou o conselleiro que a Xunta busca “achegar aos emprendedores todas as facilidades”, apuntando a medidas como a eliminación da licenza previa para abrir un negocio; a Unidade Galicia Emprende, para informar dos recursos ao alcance dos emprendedores; ou a Oficina Doing Business, para axilizar a tramitación administrativa; ademais das deducións fiscais e os diferentes instrumentos financeiros.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive