25 de Setembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Esta fin de semana arrincan as “Xornadas de teatro” de Ollomao en Barreiros

09-03-17

O sábado 11, ás oito da tarde, no Centro socio-cultural de San Cosme de Barreiros o grupo FALCATRUEIROS TEATRO de Monterroso, porá en escena: Quizais é que non me queres?, unha obra de creación colectiva baseada en textos de Quim Monzó, Suso de Toro, Juan José Millás, …, e dirixida por Jouse García.

As relacións de parella, este é o punto de partida desta obra, ou mellor dito, a ruptura ou o desengano nesas relacións; como unha relación pode cambiar nun breve intre, cun simple xesto, unha simple palabra ou unha situación diferente á normalidade.

A obra está estruturada en pequenas escenas de parella que se desenvolven nun bar; un punto de encontro de todo tipo de personaxes. Trátase dun espectáculo cómico no que situacións aparentemente normais se converten en anormais, e iso sempre provoca o sorriso.

O domingo 12, ás sete da tarde, será nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante onde o Grupo de teatro do Colectivo Cultural “OLLOMAO” de Barreiros, presentará a súa última produción: Catro Contos

CATRO CONTOS é o resultado de xuntar catro historias que serviron de base para o proxecto de Ollomao de “Teatro nos bares”. Trátase, xa que logo, de catro pequenas pezas sen apenas relación entre elas, que en conxunto conforman un espectáculo de aproximadamente 90 minutos no que o público pasará de presenciar situacións traxicómicas, como as que se producen na sala de agarda dun centro médico entre unha paciente “profesional” e un home aprehensivo que acode cunha simple dor de garganta ou a da singular aposta entre dúas xubiladas por ver se os obreiros da obra de enfronte do bar ao que van tomar o café, caen ou non do andamio; a situacións surrealistas como a que nos presenta a grave doenza do bispo de Mondoñedo, para rematar cunha historia costumista (próxima á novela picaresca) onde dous tratantes de gando arman unha imaxinativa brincadeira para que os conviden a comer os callos na casa de Pepita da Rochela.

Todas as obras terán un prezo de entrada de 2€ por persoa, a adquirir de maneira presencial na media hora previa ao inicio da representación.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive