22 de Outubro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Mocións socialistas para o vindeiro pleno municipal

16-03-17

O Grupo Municipal do Partido dos Socialistas de Galicia – PSOE de Ribadeo, en base ó disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais e demais normativa de aplicación, presenta MOCIÓN relativa á APERTURA DE HOTEL NO FARO DA ILLA PANCHA con base na seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

No mes de decembro de 2013, o ente público Puertos del Estado do Ministerio de Fomento presentou o Programa Faros de España, cuxo obxectivo era reformar algúns dos faros inutilizados para a súa conversión en instalación hoteleiras sen embargo, a 15 de Marzo de 2017, non se chegou a poñer en marcha ningunha destas instalacións.
A causa principal de que estes proxectos non fosen adiante é a rexeita dos concellos e de diversos movementos veciñais, que ven nestes proxectos unha privatización encuberta duns bens públicos e propoñen o seu uso para fins culturais ou sociais de interese comunitario. Concretamente, en catro concellos da Costa da Morte (Camariñas, Fisterra, Muxía e Carnota), existe unha rexeita importante da veciñanza a este tipo de proxectos e son os propios alcaldes os que defenden usos alternativos de carácter social.
O proxecto de hotel ou apartamentos turísticos no Faro da Illa Pancha de Ribadeo é, na actualidade, o mais avanzado deste programa e, como é sabido, as obras de remodelación estanse executando dende hai algúns meses.
Os trámites iniciais do proxecto son descoñecidos porque non foron publicitados nas primeiras fases do expediente, cousa que non está sucedendo noutras localidades.
O BOE do 30 de maio de 2014 publica o anuncio da exposición pública da solicitude C-770 cursada pola empresa Eirobra A Mariña SL. A exposición ten lugar nas dependencias da Autoridade Portuaria en Ferrol durante vinte días hábiles. O proxecto non se expón en Ribadeo nin o Concello require á Autoridade Portuaria a tal fin.
A primeira información pública que coñecemos deste proxecto é un artigo publicado polo diario El Pais o día 25 de Abril de 2015. Nese artigo aparecen unas declaracións do Sr. Alcalde onde afirma que o proxecto é un premio pola contención urbanística.

A segunda noticia pública é a nota de prensa do Ministerio de Fomento na que se informa do acordo do Consello de Ministros do 22 de maio de 2015 autorizando o uso hoteleiro do faro da Illa Pancha e dando conta dun informe favorable do Concello de Ribadeo. Nestas datas xorden diversos movementos sociais en Ribadeo e temos contabilizadas catro peticións de información ao concello que lamentablemente non foron atendidas.
Ate decembro do mesmo ano non se produce o primeiro contacto entre representantes do Concello e do Colectivo Por Nuestro Faro, que neses intres xa tiña mais de 750 adherentes na rede social “Facebook”, a gran maioría persoas de Ribadeo ou nadas en Ribadeo.
Con data 22 de Xuño de 2015, o Presidente da Autoridade Portuaria asina unha resolución cuxo último parágrafo di: “RESUELVE emitir INFORME FAVORABLE sobre el proyecto para uso hotelero y cafetería en el antiguo faro de la Isla Pancha…”. Nas consideracións previas hai unha breve referencia á memoria económica que esixe o artigo 84-d do RDL 2/2011, dándose por entendido que a devandita memoria económica incluiría os rendementos do hotel e mais da cafetería, que como é sabido non figura no proxecto actual.
O día 30 de Xuño de 2015 a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aproba a concesión solicitada, incluíndo seis parcelas da illa que suman en total 500 metros cadrados, nas que se instalarán o hotel previsto no edificio do antigo faro, unha cafetería exterior e outros servizos. Nesa resolución autorízase un aparcamento para catro vehículos pero nos planos das parcelas citadas non aparece un espazo destinado concretamente a esta finalidade. Tampouco se fai mención algunha do uso que os clientes do hotel poderán facer dos terreos da illa Pancha, que suman 4.376 metros cadrados, nin do eventual acceso a estes terreos por parte dos veciños e visitantes alleos á instalación hoteleira.
Como é sabido, a concesión foi tramitada por vía directa, é dicir sen concurso público, en base ao artigo 83-c do RDL 2/2011 que autoriza as concesións por vía directa, “cuando la superficie a ocupar por la concesión sea inferior a 2500 metros cuadrados”. Entendemos que os terreos da Illa Pancha estarán ao dispor dos usuarios da instalación hoteleira na súa totalidade, polo tanto o cálculo dos 500 metros cadrados iniciais sería erróneo, non sendo que se acoutase un espazo inferior aos 2500 m para uso dos clientes ou se abrise o acceso á totalidade da illa para veciños e visitantes.

O día 9 de setembro de 2015 a empresa concesionaria presenta no concello a documentación para a solicitude de licenza municipal para a reforma do faro e construción da cafetería. Posteriormente retírase este expediente e preséntase de novo a documentación desdobrando o proxecto en dous expedientes construtivos separados, un para hotel e outro para a cafetería.
O día 12 de Xullo de 2016 a Xunta de Goberno do Concello de Ribadeo acorda conceder a licenza urbanística para a reforma do faro con destino a hotel e denegar a licenza para a cafetería.
Nos días seguintes o colectivo “Por Nuestro Faro” dirixe unha queixa ao Valedor do Pobo de Galicia e outra ao Defensor del Pueblo de Madrid, pero o primeiro inhíbese n favor do segundo.
O dia 25 de Novembro de 2016 os medios de comunicación publican unas declaracións do Sr Alcalde de Ribadeo nas que afirma que non se concederá a licenza de apertura do hotel se non permite o acceso dos veciños á Illa Pancha.
O día 16 de febreiro e 2017 recíbese o informe do Defensor del Pueblo no que se manifesta a aplicación incorrecta da normativa vixente, a carencia dunha avaliación ambiental axeitada á Rede Natura 2000 e mais a irregularidade da duplicación dos expedientes de hotel e cafetería, e que remata suxerindo que se corrixan as deficiencias detectadas e se paralicen as obras mentres tanto.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista somete á consideración do Pleno Municipal a presente MOCIÓN, solicitando a adopción dos seguintes ACORDOS:
1.- Que se revisen polo miúdo tódalas fases da tramitación deste expediente e os informes devanditos e se comprobe se se axustan a dereito . Concretamente, hai motivos dabondo para pensar que a falla de exposición pública en Ribadeo, a adxudicación directa, a memoria económica, o desdobramento do expediente, a falla de resposta pola Autoridade portuaria á proposta de acceso libre e a carencia dos informes medioambientais que especifica o Defensor del Pueblo representan un conxunto de irregularidades manifestas, notorias e continuadas que esixen unha análise detallada de todas elas. En coherencia con esta proposta, solicitamos que o Goberno municipal suspenda a concesión da licenza de obras e se ordene a paralización das mesmas mentres non se repoña a legalidade dos procedementos administrativos e quede perfectamente clarificado que cada un dos trámites do expediente se axusta a dereito e que se teñen aportados os preceptivos informes tal como esixe a lexislación vixente. Pola outra banda solicitamos que tódolos procedementos, informes, datas de emisión e recepción, órgano emisor etc. sexan publicitados integramente para coñecemento dos veciños e colectivos interesados.

Aurora González Ginzo
Portavoz Grupo Municipal Socialista

O Grupo Municipal do Partido dos Socialistas de Galicia – PSOE de Ribadeo, en base ó disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais e demais normativa de aplicación, presenta MOCIÓN relativa á SOLICITUDE PASARELA A CONSELLERIA DE EDUCACIÓN con base na seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A ANPA do Colexio CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo demanda dende hai tempo á Consellería de Educación que constrúa unha pasarela cuberta, que una aentrada das instalacións, ata a porta doedificio do centro educativo. Advirten que xa que cada vez que chove con contundencia, algo bastante habitual en Galicia, os nenos chegan completamente empapados ás aulas, coas consecuencias e incomodidades que isto conleva.
Esta situación provoca malestar na ANPA que xa se puxo en contacto co Concello, co fin de que realizara un informe técnico sobre a posible construcióndesta pequena infraestrutura, e que segundo estes datos a pasarela tería un custe aproximado de …..euros.A Consellería de Educación conta cun orzamento de 2,3 millóns de euros para esta anualidade, polo tanto este investimento non suporía unha gran eiva nas súas contas.
A ANPA considera imprescindible esta infraestrutura xa que sinalan que non é unha obra de moito custe, e ademais contribuirá a mellorar a calidade de vida dos alumn@ do Colexio. O CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo abrangue os ciclos de Educación Infantil (3 e 6 anos ) e Primaria ( 6 a 12 anos ), e actualmente conta cun alumnado de 379 alumnos, dos cales 131 son de Infantil, 248 de Primaria.

Así as cousas, e facéndonos eco das reclamacións da ANPA do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, o Grupo Municipal Socialista somete á consideración do Pleno Municipal a presente MOCIÓN, solicitando a adopción do seguinte acordo;
- Que o Concello de Ribadeo inste á Consellería de Educación a que constrúa unha pasarela cuberta, que una a entrada das instalacións ata a porta do edificio do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo.

Aurora González Ginzo
Portavoz Grupo Municipal Socialista

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive