20 de Agosto de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG pídelle á Xunta que actúe urxentemente para frear e reverter o desmantelamento do FEVE

16-03-17

A Mariña, 16 de marzo de 2017. O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa para que a Xunta reclame a Fomento os investimentos precisos para garantir un servizo ferroviario de ancho métrico (RENFE-FEVE) no territorio galego e se melloren tanto estacións, como materiais rodantes, apeadeiros, vías; así como que se incremente o persoal das liñas. Igualmente, desde a formación nacionalista reclaman que se transfira este servizo a Galiza para facer unha xestión do mesmo adaptada ás necesidades do territorio e das persoas.

Esta iniciativa vén sumarse á campaña iniciada xa hai varias semanas simultaneamente nas comarcas da Mariña e Ferrolterra facendo presentacións públicas, levando mocións aos concellos e recollendo sinaturas para reclamar as melloras precisas.

A responsable comarcal do BNG, Ana Ermida, sinala que “as novas aparecidas sobre supresión de servizos e traslados de pasaxeiros en taxis ou autobuses non veñen máis que a confirmar o que desde o BNG levamos tempo denunciando: unha auténtica estratexia para desmantelar o servizo do tren e deixar a nosa comarca incomunicada tamén por vía férrea.”

“Non podemos permitir que sigan ríndose de nós e sacándonos servizos cada día. Temos un tren que podería actuar como vertebrador da comarca, xa que non se pode facer por estrada, e o que se fai desde o goberno do Estado é investir cada ano menos cartos -como demostra a reducción de 12,5 millóns en 2017- e deixalo morrer, contribuíndo desde Fomento con este tipo de actuacións.”

Como exemplos palpables, desde o BNG aportan varios datos referidos ao ano 2016 no que aseguran que “se levaron a cabo perto de 600 supresións de servizos en Galiza, así coma retrasos continuados, vías e infraestruturas en mal estado –estacións, apeadeiros, varandas ou pasos- e iso sen contar coa calidade do material rodante que circula no territorio galego.”

Así, a responsábel comarcal asegura que “sabemos que os dados de ocupación que se poidan tirar de calquera estudio elaborado ou encargado desde o Ministerio de Fomento e/ou a Xunta de Galiza non poden ser bos, en boa medida pola errática ou inexistente política comercial e de horarios e servizos que non responden ás necesidades de mobilidade das persoas ou mercadorías. Tanto é así que estamos a ser testemuñas de cousas tan absurdas como colocar nas estacións un número de teléfono de contacto, con sede en Asturias, ao que chamar para solicitar transporte alternativo, no caso de que o tren se retrasase en máis de 15 minutos.”

“Unha fotografía que se repite se falamos do transporte de mercadorías, onde no pasado ano 2016 sufriu recortes nos servizos que levou na práctica á súa desaparición. Así pois, compañías como Alcoa na súa planta de San Cibrao, onde diariamente unhas 350 toneladas de placa de aluminio saen cara a Amorebieta; ou o mesmo o transposte de madeira, que chegou a mover 36.000 toneladas ao ano, son as grandes perxudicadas levando a facer o transporte por estrada, con todo o que eso supón nunha comarca como a nosa na que as infraestruturas por estradas son por vías totalmente obsoletas e nun estado lamentable, como a N642.”

Desde o Bloque Nacionalista Galego sinalan que a súa formación non vai quedar calada fronte a estas novas e que aseguran que “continuaremos a reclamar, como levamos facendo anos, que se garantan os investimentos e con iso a recuperación do servizo xunto coa transferencia da súa xestión para poder garantir a vertebración do territorio e o servizo de transporte de persoas e mercadorías que Galiza precisa.”

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive