Burela, 20 de marzo de 2017. O Concello traslada o área de aparcamento de autocaravanas para a zona de Torrentes, co fin de deixar o espazo que ocupan actualmente a disposición dos usuarios do Hospital da Costa. O alcalde, Alfredo Llano, anuncia que con esta medida, polo momento provisional, aumenta o número de prazas para autocaravanas pasando de tres a oito.
O rexedor burelés sinalou que “dado que hai moitísima necesidade de aparcamento na zona do Hospital da Costa, estivemos estudando como se podía mellorar para que houbera máis prazas a disposición dos usuarios do centro hospitalario durante a semana”.
Alfredo Llano anunciou que “imos pasar as prazas de aparcamento das autocaravanas preto do hospital onde había tres prazas, e imos levalas provisionalmente ou xa veremos se quedan máis tempo, á zona de Torrentes. Agora alí hai moito aparcamento dispoñible e se antes existían tres prazas agora imos poñer un mínimo de oito. Imos adecuar un espazo con auga corrente e con alcantarillado para os usuarios dese área de servizo”.
O alcalde salientou que “é unha zona próxima ao pobo para que os donos das autocaravanas poidan desprazarse facilmente por Burela. Antes estaban bastante lonxe e agora deixámolos en Torrentes para que poidan ter a oportunidade e aproveitar para facer as súas visitas e as súas compras”.
Llano engadiu que “son cinco prazas máis, nunha boa posición, e ao mesmo tempo favorecemos que esas prazas que están ocupadas por autocaravas poidan ser empregadas polos usuarios do hospital que agora mesmo, mentres duren as obras, van facer moita falta”.