20 de Agosto de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O equipo de goberno municipal de Lourenzá considera que a portavoz do PP reconverteuse en lideresa sindical

19-03-17

Lourenzá, 18 de marzo de 2017. O equipo goberno municipal socialista de Lourenzá considera que a portavoz do Partido Popular e ex alcaldesa, Emma Álvarez Chao, reconverteuse en lideresa sindical. Resposta así as críticas do PP ao orzamento do Concello para este ano aprobado en pleno o pasado xoves.

“Vai para dous anos que se celebraron as eleccións municipais e se produciu o cambio político en Lourenzá. Cómpre volver a ese día para entender o por que do titular desta nota de prensa. Nesa noite electoral, e ben o sabe a señora Álvarez, brindouse e recibiuse con enorme ledicia a súa derrota na inmensa maioría dos fogares dos traballadores e traballadoras do Concello. Por iso, estamos sorprendidos ante esta deriva sindicalista da señora Álvarez Chao, reclamando melloras salariais para eles, tendo en conta que practicamente todos foron contratados na época en que gobernaba o Partido Popular. Nesta época non só non se lles mellorou o salario senón que incluso se lles recortou e mesmo se lles suprimiu unha paga extra. Coñecen de sobra os traballadores municipais cal era a súa resposta ante reivindicacións deste tipo. Temos que recordar tamén que, días despois da súa derrota, desde o ámbito familiar da señora Álvarez se acusaba de vagos nas redes sociais aos traballadores do Concello. O cinismo da señora Álvarez non ten límites”, manifestan desde o grupo de goberno.

Ademais engaden: “deixounos a ex rexedora en herdanza a rede de camiños e estradas en peor estado de toda a provincia e ten agora a desfachatez de falar da súa situación actual. Agora, a pesar dos pufos e débedas que atopamos no Concello, están xa reparados varios deles e antes de que remate o verán veremos arranxado o Camiño A, unha das vías de comunicación máis transitadas do municipio. Quedan aínda moitas, que se irán proxectando nos sucesivos orzamentos municipais”.

O equipo de goberno socialista no Concello de Lourenzá di tamén que “ten o feo costume a señora Álvarez de falar sempre con desprezo do equipo de goberno, sementando dúbidas sobre a súa honorabilidade. Entendemos e queremos crer que esta actitude non é compartida polo resto dos concelleiros do seu grupo. O equipo de goberno, coa súa alcaldesa á cabeza, non ten nada que ocultar. O Concello cambiou de gobernantes e tamén de actitudes e formas. Os veciños e veciñas de Lourenzá sábeno ben, recordan como eran tratados pola señora Álvarez e como son tratados agora. A señora Álvarez non debe ver tan mal a situación de Lourenzá cando leva case un ano sen presentar ningunha moción ao Pleno e as que presentou durante estes dous anos foron de moi baixo nivel, ningunha referida as necesidades reais e prioritarias que ten o municipio. Para rematar desexámoslle á señora Álvarez Chao unha longa vida ao fronte do seu partido en Lourenzá. Pedímoslle perdón aos veciños e veciñas, recoñecendo que é un acto de egoísmo pola nosa parte. A bo entendedor…”

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive