23 de Maio de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP de Lourenzá vota en contra dos orzamentos municipais por consideralos “irreais de principio a fin” e lamenta que o equipo de Goberno estea levando o municipio á “UCI”

17-03-17

Lourenzá, 17 de marzo de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Lourenzá votou en contra dos orzamentos presentados polo equipo de Goberno na pasada sesión plenaria ao consideralos “irreais de principio a fin”. Os populares precisan que “non podemos apoiar unha proposta dun equipo de Goberno que está levando ao noso municipio á UCI”.

Desde o PP critican “de xeito enérxico” que non sigan coa Relación de Postos de Traballo (RPT), pese a demandala boa parte dos traballadores municipais. Os populares sinalan que é un asunto que decidiron retomar despois das eleccións municipais sendo moi conscientes das graves desigualdades que existen na plantilla. Emma Álvarez sinala que “non podemos apoiar uns orzamentos nos que non existe unha RPT municipal, máis aínda cando observamos que existe desigualdade salarial entre os traballadores do Concello”.

A voceira popular, Emma Álvarez Chao, precisa que os orzamentos presentados non contemplaban medidas tan necesarias como “un plan de emprego municipal”, máis aló de contratar persoal cos distintos programas da Xunta ou da Deputación. Álvarez engade que tampouco se propoñen iniciativas encamiñadas a fixar poboación, “pero isto non nos sorprende, posto que desmantelaron un servizo esencial para as familias como é o Punto de Atención á Infancia, recortando o servizo nun 25%”.

“Botamos en falta tamén”, continúa Álvarez Chao, “medidas contundentes de apoio ao pequeno comercio, pois levan dous anos gobernando e perderon dúas convocatorias públicas ao non solicitar as subvencións da Xunta dedicadas ao sector”, lamenta a popular.

Dende o PP tamén consideran “insuficientes” as partidas destinadas ao rural “onde observamos camiños forestais totalmente desfeitos” e critican que só se limiten a tres as partidas de promoción turística “que ademais son moi pouco ambiciosas”.

O Goberno non cumpre a súas promesas e engana aos votantes
Dende o PP poñen de relevo ademais, que nos orzamentos faise patente que os socialistas “enganaron aos votantes cando prometeron que non ía haber dúas dedicacións, e agora figuran, ou cando anunciaron que ían eliminar a taxa de lixo para as vivendas baleiras e a día de hoxe, dous anos despois, non se fixo realidade”.

Ademais consideran “unha tomadura de pelo” que figuren 207.000 euros na partida 761 de achegas da Deputación “cando todos sabíamos que se estaba artellando o Plan Único”, polo que percibirán do organismo autonómico 238.937 euros máis os 150.000 do convenio que teñen asinado para o arranxo superficial do Camiño A. “Polo tanto estamos falando de 182.000 euros que van a percibir e non recollen nos orzamentos”, engade.

O Concello ignora á oposición
Os populares critican a actitude do equipo de Goberno que “ignora á oposición, cando nin sequera nos facilitaron o Libro Maior de Contas do 2016 a pesar de que o solicitamos o pasado 9 de marzo e se excederon os 5 días legais para cedérnolo”. “Sen este documento non puidemos ver o desglose das distintas contas nin facer a comparativa entre anos”. Deste modo, e unha vez máis, volven poñer freo á actividade de control dos grupos da oposición “porque ao mellor teñen algo que esconder”.

Álvarez Chao apunta tamén que “por suposto, seríamos incoherentes se aceptamos uns Orzamentos que non recollen o arranxo de ningunha das necesidades que urximos dende o Grupo Municipal do PP como pode ser a reposición das vallas da área do Ranchito, a adaptación á normativa vixente dos parques infantís do Ranchito e Oural, a firma de convenio cunha protectora de animais ou o arranxo de puntos de luz como o de Rego Vilazo e Gracia, entre outras medidas”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive